O Pleno urxe á Xunta a modificar a normativa para que a RISGA sexa compatible co IMV
Todos os grupos municipais -coa excepción do PP – solicitan á Xunta os cambios normativos que permitan a compatibilizar as prestacións do RISGA e do Ingreso Mínimo Vital. Tal e como explicou a concelleira Yolanda Aguiar a reformulación da prestación económica é moi urxente dada a crise sanitaria e económica que estamos a atravesar.
A concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, conseguiu na sesión plenaria desta mañá o apoio de Marea de Vigo e do concelleiro non adscrito para instar á Xunta a que, de forma urxente, modifique a normativa reguladora da Renda de Inclusión Social de Galicia co obxecto de facela compatible co Ingreso Mínimo Vital, ampliando ademais a súa cobertura. Na súa intervención lembrou que Vigo é a cidade galega con máis perceptores de Risga (2.312), máis do 50% de toda a provincia; que Vigo é o concello de Galicia que máis rendas de inserción tramita ao ano (1.189 novas solicitudes en 2019), ademais de ser a administración local con máis proxectos de integración.
O texto, que contou coa oposición dos concelleiros do PP, explica que nestes momentos e debido ao desleixo da Xunta, os vigueses e as viguesas, en vez de beneficiarse da RISGA como renda complementaria do Ingreso Mínimo Vital, deben elixir entre unha ou outra prestación “porque o Goberno de Feijóo non foi quen de de facela compatible e complementaria co IMV”. Neste contexto de crise sanitaria, social e económica é imprescindible a reformulación da prestación autonómica coa máxima celeridade, defendeu Aguiar.
Apoio á hostalaría
Outro dos asuntos que se aprobou esta mañá foi esixirlle ao Goberno autonómico que incremente ata 75 millóns o fondo previsto para axudas á hostalaría como consecuencia do peche sanitario que están a sufrir. Coa abstención do PP e o voto favorable do resto das formacións políticas, o voceiro do grupo socialista, Carlos López Font, subliñou que Galicia recibiu 750 millóns para actividade local menor e está a prestar un apoio claramente insuficiente a o sector máis golpeado pola crise. Insistiu nas competencias da Xunta á hora de atender á hostalaría á que o Concello, sen competencias, xa outorgou achegas por 5 millóns de euros.