O Concello abre o concurso de ideas para o ascensor que conectará García Barbón co Centro Vialia
Abel Caballero avanzou este xoves a aprobación en Xunta de Goberno Local do contrato para abrir o concurso de ideas destinado ao ascensor que comunicará a zona da Avenida de García Barbón co novo Centro Vialia. O Concello deulle así o visto e prace a unha partida de 555.000 euros para os premios e a redacción do proxecto, que terá un custe total de arredor de 6 millóns.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves en rolda de prensa da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local do expediente de contratación do concurso de ideas, con intervención de xurado, a nivel de anteproxecto, para a “Conexión peonil mediante elemento de transporte vertical entre as rúas Serafín Avendaño e Vía Norte”.
“Trátase dunha decisión da maior importancia, porque hoxe iniciamos unha das grandes obras transformadoras da cidade de Vigo, será un dos grandes ascensores do país”, sinalou o rexedor durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. O contrato aprobado polo goberno local ten un importe de 555.860 euros e a obra formará parte do proxecto Vigo Vertical, cofinanciado pola Unión Europea a través dos Fondos FEDER
A finalidade do concurso é propoñer unha solución de acceso que permita mellorar a mobilidade transversal entre un gran polo da cidade, como é o eixo de García Barbón e Rosalía de Castro, co Centro Vialia e a zona de Urzaiz e Vía Norte. Segundo explicou Caballero, a proposta debe cumprir cos obxectivos da Axenda Urbana Española, de forma que favoreza a mobilidade sostible marcado no Obxectivo Estratéxico 5, que favoreza tamén a cidade para o peón e os modos de transporte, e que posibilite a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) definidos na Axenda 2030.
O orzamento de licitación inclúe un primeiro premio de 70.000 euros para o gañador e achegas de 40.000 euros para o segundo premio e de 30.000 euros para o terceiro. O gañador procederá á redacción do proxecto de execución e se encargará da dirección facultativa das obras por un prezo de 415.000 euros.
O presuposto máximo estimado polo Concello de Vigo para a execución das obras é de 6 millóns de euros. Os criterios de selección do concurso son a avaliación arquitectónica, a avaliación técnica, económica e funcional, e a sustentabilidade medioambiental, eficiencia enerxética e mantemento.
Na composición do xurado, ademais de diferentes técnicos municipais, formarán parte tamén técnicos da Deputación de Pontevedra, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e Axencia Galega de Infraestruturas, así como os colexios profesionais de Arquitectos e Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.
Os prazos estimados apuntan a un total de 27 meses, desde este mes de novembro, para o finalización e posta en marcha do proxecto.