Escoitar

O Concello abona becas do proxecto “Vigo pola inserción laboral” por valor de 164.000 euros

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou a semana pasada o pago das axudas económicas aos participantes no proxecto “Vigo pola inserción laboral”. Tamén deu o visto e prace ás subvencións á Fundación Sondeseu, ao Festival Sinsal e ao Maratón Fotográfico.

luns, 9 nov 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns en rolda de prensa da aprobación en Xunta de Goberno Local do procedemento de pago das axudas económicas (becas de asistencia) aos participantes dos itinerarios formativos do proxecto “Vigo pola inserción laboral”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo para o 2020 e cun importe de 164.474 euros.

Caballero explicou que son 105 persoas beneficiarias (a razón de 296 euros ao mes) e que o cronograma estimado dos itinerarios formativos conclúe o 30 de setembro de 2021 e permitirá a incorporación de 315 desempregados pertencentes a colectivos vulnerables. O programa “Vigo pola inserción laboral” ten un presuposto de 2,11 millóns de euros, dos que 1,7 millóns son fondos europeos.

Ademais, a Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace á subvención mediante convenio coa Fundación Sondeseu para o desenrolo do ciclo de concertos “Mestres de Sondeseu” por importe de 10.000 euros (o 100% do presuposto). O Concello apoia así a celebración do seu ciclo de outono, composto por dous concertos xa celebrados no Auditorio Municipal

O goberno local tamén sacou adiante a subvención mediante convenio coa entidade Sinsal Audio para o desenvolvemento do “Festival Sinsal Outono 2020”, cun importe de 7.000 euros (o 79% do orzamento) e celebrado no Verbum entre o 27 de outubro e o 1 de novembro.

Por último, foi aprobada a subvención á Agrupación Fotográfica Galega para a XXV edición do Maratón Fotográfico Virtual 2020 por importe de 8.000 euros (o 78% do presuposto).

Celebrado o 10 e 11 de outubro cun total de 275 fotógrafos inscritos, récord de participación, o xurado concedeu os premios a Rosi Pardal (Valga), Avelino Calvar (Cangas) e a Thibaud Dupuy (Vigo), mentres que os accésit foron para Laura Morgadanes (Vigo), Alexandro Costas (Barcelona) e Juan Galiñanes (Cangas).