O rexedor recomenda adiantar a visita de Todos os Santos aos cemiterios e evitar aglomeracións
Abel Caballero pediu este venres á cidadanía que programe con tempo a súa tradicional visita aos camposantos vigueses para evitar que se produzan aglomeracións na fin de semana de Todos os Santos. Ademais, o alcalde pediu de novo precaución, especialmente a fin de semana, co obxectivo de frear o incremento de positivos por coronavirus na segunda ola da pandemia.
O alcalde de Vigo, Abal Caballero, recomendou este venres á cidadanía que adiante as súas visitas aos cemiterios da cidade con motivo da celebración do Día dos Defuntos (2 de novembro) para evitar aglomeracións en plena segunda ola da pandemia do Covid-19.
“Podemos ir toda a semana, tratemos de evitar estar todos xuntos os días 1 e 2, para que non se produzan grandes concentracións. Tratemos de ir uns días antes ou despois, espazar as visitas a cemiterios”, sinalou.
Os cemiterios terán reducido o seu aforo ao 50% con motivo da festividade de Todos os Santos, tal e como anunciara xa o mércores o alcalde nunha rolda de prensa na que detallou o protocolo establecido para garantir a seguridade sanitaria nos cemiterios. As instalacións municipais de Pereiró, Lavadores, Teis, Cabral, Zamáns, Bembrive, Beade e Candeán contarán con cartelería informativa con indicacións de obrigado cumprimento.
Os días 30 e 31 de outubro e o 1 e o 2 de novembro o horario dos camposantos será interrompido desde as 09,00 h ata as 18,30 h. É obrigatorio o uso de máscara aínda que se poida manter a distancia de seguridade. As visitas terán que ser individuais ou en grupos familiares que convivan ata un máximo de 5 persoas e prégase evitar o contacto con achegados, ademais de levar envases da casa para limpar e adecentar os nichos (non se compartirán ferramentas). Está prohibido fumar e é obrigatorio camiñar pola dereita en sentido único da circulación. Recoméndase que o tempo de estancia no recinto sexa inferior a 30 minutos.
Reunión co ministro de Sanidade
Abel Caballero tamén informou de que o vindeiro martes terá unha reunión co ministro de Sanidade, Salvador Illa, co quen falará da “comunicación nula” da Xunta cos concellos para ofrecer información sobre a incidencia da pandemia.
“O mapa de cores non vale para nada, a Xunta ten que dar información se quere coidar aos cidadáns, os niveles de positivos de Vigo están máis ou menos na media de Galicia, pero é importante que baixen, polo que quero pedir a todos os cidadáns precaución”, sinalou. O alcalde alertou da necesidade de extremar as medidas nas reunións cos familiares e insistiu en que a Policía Local aumentará a vixilancia durante a fin de semana.