Caballero: “Todos temos que usar a máscara, é imprescindible, é a nosa saúde e a nosa vida”
O alcalde de Vigo fixo este luns un chamamento a toda a cidadanía para que cumpra coa normativa de uso da máscara debido á pandemia do Covid-19. “Imos ser inflexibles no seu cumprimento, é a vida da xente, hai que ter moita prudencia”, sinalou antes de apuntar que durante a fin de semana houbo dez denuncias da Policía Local a persoas que non respectaban as medidas sanitarias.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo este luns un chamamento á cidadanía viguesa para que acaten a orde publicada esta fin de semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) e iniciada este domingo no que se refire ao uso obrigatorio da máscara.
“Temos que ir todos con máscara, hai que cumprir a orde de forma taxativa e rigorosa, é un elemento imprescindible para a nosa saúde e a nosa vida”, sinalou o rexedor durante a súa conferencia de prensa ante os medios de comunicación.
Caballero asegurou que a cidadanía viguesa está cumprindo, pero hai casos illados. Así, durante a fin de semana a Policía Local impuxo un total de dez denuncias por non respectar as medidas, sete delas a mozos que organizaran un campionato musical de rap e a outros tres viandantes que rexeitaron usar a máscara pese ás advertencias dos axentes. Tamén apuntou que os establecementos hostaleiros deben ser coidadosos. “Imos ser inflexibles, é a vida da xente, hai que ter moita prudencia”, insistiu.