O Concello informa e tramita desde este luns as solicitudes do Ingreso Mínimo Vital
Só na mañá deste luns, a administración que preside Abel Caballero atendeu a unhas 600 persoas no posto específico habilitado ao efecto na casa consistorial. Para atención presencial é preciso solicitar cita previa (na web municipal ou no teléfono 010) e tamén se pode rexistrar a solicitude a través de Internet.
En rolda de prensa, o alcalde informou que unhas 600 persoas foron atendidas no Concello en relación ao Ingreso Mínimo Vital na mañá deste luns, a primeira xornada hábil para tramitar as solicitudes. Desde as oito da mañá, catorce persoas estaban preparadas para apoiar aos cidadáns.
O goberno de Vigo dispón dun espazo habilitado específico no Concello de Vigo con dous puntos de información, asesoramento e rexistro das peticións. A atención préstase con cita previa, que pode ser obtida a través da web do Concello ou do teléfono 010. Tamén é posible rexistrar a solicitude por medios telemáticos.
A previsión municipal é ampliar o número de espazos da cidade onte informarse e presentar as solicitudes ao Ingreso Mínimo Vital e dispoñer dun total de catorce puntos para asesorar a quen o precise.
Desde o pasado venres, a web municipal conta cun apartado específico no que se pode obter toda a información sobre esta prestación: folleto informativo, impresos de solicitude, cita previa, unha guía de tramitación e a normativa, entre outros datos.
O Ingreso Mínimo Vital (IMV) é unha prestación dirixida a previr o risco de pobreza e exclusión social das persoas que vivan soas ou integradas nunha unidade de convivencia, cando se atopen nunha situación de vulnerabilidade por carecer de recursos económicos suficientes para a cobertura das súas necesidades básicas.
Configúrase como o dereito subxectivo a unha prestación de natureza económica que garante un nivel mínimo de renda a quen se atopen en situación de vulnerabilidade económica. A través deste instrumento perséguese garantir unha mellora de oportunidades reais de inclusión social e laboral das persoas beneficiarias.