Vigo desenvolverá un programa de concertos coas orquestras sinfónicas da cidade
O alcalde mantivo este venres un encontro por videoconferencia con responsables da Orquestra Vigo 430 e coa Orquestra Clásica de Vigo no que lles solicitou un programa de actuacións para este verán, en diferentes lugares da cidade, que financiará o goberno municipal.
“Sabemos que están pasando un momento difícil e queremos apoialas” explicou Caballero tras reunirse con Javier Escobar e Ana Novoa, director e xerente respectivamente, da Orquestra Vigo 430 e con Manuel Martínez, xerente da Orquestra Clásica de Vigo.
As orquestras presentarán un programa de concertos en diferentes espazos da cidade que será financiado polo Concello.. O rexedor manifestou o seu desexo de que “haxa actuacións das dúas este verán e durante as festas da cidade”, que poderían ser ao aire libre, aínda que sempre respectando a norma sanitaria, polo que quizais non poida participar a totalidade dos músicos.
Caballero avanzou que seguirá coa súa ronda de encontros para a dinamización cultural de Vigo “porque pretendemos mobilizar toda a cultura de Vigo este verán, todo o ámbito musical, artístico e literario”, polo que se achegarán ideas que quedarán supeditadas ao ámbito sanitario e á seguridade sanitaria total, apuntou.