“Loita feminista. Xuntas, libres e vivas!”, slogan da conmemoración do 8-M deste ano
O alcalde, xunto a representantes do Consello municipal da muller, presentou o pasado venres o programa de actos organizado polo Día Internacional das Mulleres. Do 3 ao 20 de marzo, cine, poesía, concertos e visitas guiadas, entre outras propostas en clave feminista.
Na súa intervención ante os medios, Abel Caballero argumentou o lema deste ano como unha “loita permanente polos dereitos e unha filosofía de confrontación contra os que se opoñen á igualdade, os negacionismos e contra os retrocesos”, tras o que felicitou ao Consello municipal da muller pola súa traxectoria na procura da igualdade.
Xunto a Abel Caballero participaron na presentación a concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, a secretaria de Muller da CIG, Rosa Chantada, e representantes de Mulleres en Igualdade -Mercedes Fernández-, da Rede de mulleres contra os malos tratos -Lola Santana-, da Asociación de mulleres Lúa -Mª Carmen Fernández- e de FOANPAS, Bertila Fernández, ademais da vicepresidenta do Consello da muller e secretaria de Muller de CCOO, Purificación Bernárdez, encargada de detallar o programa.
Os actos propostos comezaron o martes 3 de marzo coa proxección de curtas no MARCO, con entrada libre e desde as 20h. O público puido asistir ao documental “Consello municipal da muller: 25 anos facendo camiño”, de Xisela Franco, e ao filme “As mulleres salvaxes”, de Eire García Cid. Este mércores, desde as 19h na Casa Galega da Cultura, recital aberto de poesía de xénero con Iolanda Zúñiga, e o venres 6, ademais do tradicional Pleno do Consello municipal da muller das 10h, a biblioteca central Juan Compañel acollerá ás 18:30h a contada de igualdade “Eu non quero”, a cargo de Ana Carreira, para nenos e nenas a partir dos catro anos.
O domingo, 8 de marzo, a tradicional manifestación do movemento feminista polas rúas do centro de Vigo partirá ás 18h desde Vía Norte con Urzáiz. Abel Caballero e Purificación Bernárdez fixeron un chamamento á participación nos actos e nesta concentración.
O martes 10 de marzo, proxección do filme “Eu tamén necesito amar”, de Antonio Caeiro, no MARCO ás 20h, entrada libre ata completar aforo; e o venres 13, entrega do VIII Premio de igualdade “Ernestina Otero”, ás 22h, que recaerá este ano na política e escritora María Xosé Porteiro.
O programa continúa o sábado 14 de marzo cunha visita guiada á ruta en feminino “Sons de mulleres”, a cargo de María Casar, desde as 11h, con punto de encontro no Paseo de Alfonso. O martes 17 de marzo, proxección do filme “La directora de orquesta”, de María Peters, ás 20h no auditorio municipal do Concello con entrada libre e o venres 20 de marzo, último acto coa actuación musical do grupo “De vacas”, ás 20:30h no MARCO, con entrada libre.