Escoitar

O Pleno aproba o plan normativo para aprobar 12 ordenanzas e 5 regulamentos en 2020

Vigo aprobou este mércores na sesión plenaria da Corporación Municipal o Plan Anual Normativo correspondente ao 2020 por medio do que se aprobarán un total de 12 ordenanzas e 5 regulamentos. "É un plan ambicioso produto da experiencia de doce anos de goberno", argumentou o goberno local.

mércores, 29 xan 2020
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este mércores, na súa sesión ordinaria de xaneiro, o Plan Anual Normativo correspondente ao ano 2020. A proposta saíu adiante cos votos favor de PSOE e PP, mentres que se abstiveron o grupo mixto, integrado polos dous concelleiros de Marea, e o grupo adscrito, no que está o edil do BNG.

"Estamos ante o plan máis ambicioso, todo un conxunto de iniciativas normativas que abarca todas as necesidades da cidade", sinalou o concelleiro Carlos López Font durante a exposición da proposta. Segundo indicou, a previsión é aprobar este ano un total de doce ordenanzas e cinco regulamentos.

Pola súa banda, o concelleiro "popular" Alfonso Marnotes mostrou a posición favorable do seu grupo municipal respecto da proposta, pero amosou as súas dúbidas sobre o plan de aprobación. "Non van a ser capaces, somos escépticos vistos os antecedentes, posto que só aprobaron unha ordenanza en dous anos", sinalou.

O concelleiro do BNG, Xabier Igrexas, destacou o "exceso de retórica" no documento, mentres que o edil da Marea, Rubén Pérez, sinalou que estaba de acordo coa aprobación das novas ordenanzas pero botaba de menos algunhas outras normas que non están incluídas.

As ordenanzas a aprobar son as Medio Ambiente Atmosférico, prevención e defensa contra incendios forestais, vertidos non domésticos de augas residuais, Administración Electrónica do Concello de Vigo, Comercio, utilización e circulación de vehículos de mobilidade persoal, reservas de estacionamento en vía pública e accesibilidade de persoas con diversidade funcionalidade, servizo de taxi, instalacións de iluminación exterior, obras na vía pública, limpeza pública viarias e praias.

Ademais, os regulamentos a aprobar son os de cemiterios, aparcadoiros públicos da cidade de Vigo, transporte urbano colectivo de viaxeiros en autobús, instalacións de alumeado público e servizo municipal de abastecemento de auga e saneamento de Vigo.