Escoitar

Abel Caballero: "O éxito do Nadal en Vigo é incontestable"

O alcalde fixo balance este luns dos case que dous meses de Nadal vigués, que se salda con máis de 3 millóns de persoas que pasaron pola árbore da Porta do Sol e unha ocupación hoteleira media do 82%, que superou o 90% nas fins de semana.

luns, 13 xan 2020
Unhas 25.000 persoas congregáronse onte domingo na Porta do Sol polo acto de apagado do alumeado, que contou coa actuación de Tony Lomba e Elio dos Santos, pechando os case que dous meses de campaña do Nadal de Vigo. Do 23 de novembro ao 12 de xaneiro, máis de tres millóns de persoas pasaron pola árbore da Porta do Sol -o pasado ano foron dous millóns- e Vigo rexistrou unha ocupación hoteleira media do 82%, cifra que superou o 90% nas fins de semana.

"O éxito do Nadal en Vigo é incontestable", certificou Abel Caballero este luns, quen puxo en valor esta ocupación media durante case que dous meses, algo "que non ten precedentes" e que supón un aumento de dez puntos porcentuais con respecto ao ano pasado.

No relativo á xente congregada, o rexedor detallou algunhas cifras, como as 170.000 persoas que asistiron ao acto de acendido das luces, as 700.000 da ponte da Constitución ou as 200.000 que asistiron á Cabalgata. En atractivos singulares, máis de 100.000 persoas visitaron o belén monumental de Casa das Artes e máis de 72.000, o poboado de Nadal emprazado na Casa Galega da Cultura, mentres que 50.000 persoas entraron na caseta de Papá Noel e do carteiro real.

Engadiu Caballero que máis de 20.000 viaxeiros subiron ao NadalBus, dos que case que 5.000 empregaron a tarxeta PassVigo, e no Tren de Nadal foron 8.000 persoas -2.000 con PassVigo- desde o 28 de decembro que se puxo en marcha. Un dos principais atractivos do Nadal vigués deste ano, a noria emprazada na Alameda, citou a 152.000 persoas, das que 15.000 fixeron uso da tarxeta PassVigo para obter prezo bonificado.