Escoitar

O goberno de Vigo achega 211.000 euros a entidades culturais e abre a convocatoria de 100.000 euros para festas tradicionais

Segundo informou este venres Abel Caballero, a Xunta de Goberno Local aprobou apoios ao Teatro Ensalle, á Asociación Galega de Instrumentos de Corda, á Federación de Bandas de Música, a SinSal e a Orquestra Clásica de Vigo. Ademais, desde o luns está aberto o prazo para optar ás subvencións por concurso para festas tradicionais e actividades socioculturais.

venres, 7 xuñ 2019
1559912706070619Alcalde.jpg
O alcalde en funcións deu conta este venres das subvencións aprobadas pola Xunta de Goberno Local en materia cultural, apoios que totalizan os 211.000 euros para distintas entidades.

Tal e como detallou Abel Caballero, o Teatro Ensalle recibe 5.000 euros para a súa programación dos meses de novembro e decembro, a Asociación Galega de Instrumentos de Corda percibe outros 9.000 euros para levar adiante o Concurso de Instrumentos de Corda, e o SinSal Audio conta con 7.000 euros para o seu programa de concertos deste ano.

Ademais, e mediante convenio entre as partes, o Concello achega 170.000 euros á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo para programar as súas actuacións durante todo o ano, de carácter gratuito. E por último, a Orquestra Clásica de Vigo dispón de 20.000 euros do goberno vigués tamén cun convenio para o seu programa de concertos deste ano.

Festas tradicionais
O luns ábrese o prazo para optar á convocatoria municipal de subvencións para festas tradicionais e o desenvolvemento de actividades socioculturais, dotado con 100.000 euros, despois de que este venres o BOP publique a convocatoria, bases e extracto do programa.

O importe total distribúese en réxime de concorrencia competitiva, con liñas abertas para as festas de especial interese no ámbito urbano e en barrios e parroquias, as gastronómicas e as actividades relacionadas coas artes escénicas e a dinamización sociocultural. Abel Caballero explicou que, na convocatoria do pasado ano, 53 entidades sen ánimo de lucro resultaron beneficiarias para a celebración de 71 actividades na cidade.
Descargar todas as imaxes