Escoitar

Vigo é unha das cinco cidades finalistas dos premios europeos de mobilidade

O alcalde de Vigo deu conta esta mañá de que Vigo figura entre as cinco cidades europeas finalistas nos premios Access City Award 2019 en recoñecemento polas súas accións en favor da mobilidade. A Comisión Europea valorou unha candidatura que pon en valor as humanizacións e os proxectos do Vigo Vertical.

mércores, 21 nov 2018
Vigo é unha das cinco cidades europeas finalistas nos Access City Award 2019, un premio anual que outorga a Comisión Europea ás cidades máis accesibles. A proposta do Concello foi elixida entre 52 solicitudes e competirá na final no reparto de tres primeiros galardóns e dous accésit coas urbes de Breda (Holanda), Evreux (Francia), Gdynia (Polonia) e Kaspovar (Hungría).

O rexedor recibiu con "gran satisfacción" esta resolución que asume como un "recoñecemento a un modelo diferente de facer cidade", no que as infraestruturas están ao servizo de facilitar a calidade de vida aos seus cidadáns. As humanizacións e o Vigo Vertical forman o groso dunha candidatura chea de proxectos que dan solución a orografía da cidade e os problemas de mobilidade que esta xera.

A proposta recoñecida desde Europa pon en valor a "revolución das humanizacións" con rebaixa e ensanche de beirarrúas; semáforos acústicos e pasos de cebra con resaltes; transporte público adaptado (autobuses e taxis) ou as cadeiras anfibias que se usan no verán para facilitar o baño de persoas con dificultade de mobilidade. Outro dos piares da candidatura é o Vigo Vertical, no que destacan proxectos como as escaleiras de Abeleira Menéndez; os ascensores de Menéndez Pelayo, San Salvador, Marqués de Valterra e Torrecedeira; as ramplas de Gran Vía, arteria principal da cidade cunha pendente variable do 8% ao 14% ou a peonalización da Porta do Sol, que inclúe un túnel para restrinxir o tráfico rodado na zona).

En rolda de prensa, Caballero lembrou que estes proxectos están cofinanciados por fondos Feder, dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Vigo Vertical, que permitirá á cidade recibir 15 millóns de euros para desenvolver proxectos que compacten a cidade e eliminen as disfuncións que ten consecuencia de ser "unha montaña".