Escoitar

O goberno vigués fomenta a igualdade en 66 entidades deportivas femininas con 45.000 euros

O goberno dirixido por Caballero resolveu a convocatoria de axudas á promoción da igualdade a través do deporte feminino, da que resultaron beneficiarios 66 clubs correspondentes a 33 modalidades deportivas. Con este programa, o Concello apoia a participación das nenas e mulleres na competición deportiva.

xoves, 9 ago 2018
A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, e da que deu conta o alcalde en rolda de prensa, resolveu a concesión de subvencións a entidades deportivas de Vigo para a promoción da igualdade e do deporte feminino, unha convocatoria para a que o Concello destina 45.000 euros e da que resultaron beneficiarias 66 entidades correspondentes a 33 modalidades deportivas distintas.

Abel Caballero puxo en valor un programa municipal co que se quere fomentar "exclusivamente" a participación e a promoción das nenas e mulleres na competición deportiva. O alcalde recordou que esta ano se ampliou esta partida e avanzou que, o ano próximo, a convocatoria rondará os 75.000 euros.