Escoitar

O alcalde anuncia máis vixilancia en Torrecedeira e o derrubo e tapiado de inmobles do Barrio do Cura

O Concello manterá "todo o tempo que sexa preciso" as medidas adoptadas no entorno de Torrecedeira, explicou o alcalde, quen avanzou que se vai poñer "vixilancia activa" na zona do parque infantil e que, nos próximos doce meses, se derrubarán edificacións abandonadas do Barrio do Cura e se tapiarán as que permanezan.

mércores, 20 xuñ 2018
O alcalde recordou que o goberno que dirixe leva tempo actuando no entorno de Torrecedeira e "en moitas direccións", como por exemplo cunha humanización da zona que incluirá tres ascensores de Marqués de Valterra a Avenida e desta, a Pi y Margall.

Así, o Concello está a reformar completamente o parque Camilo José Cela, xa en obras, acometeu a primeira fase da humanización de Marqués de Valterra e agora traballa na segunda. Entre Marqués de Valterra e Torrecedeira haberá dous ascensores urbanos.

Ademais, e para a "tranquilidade" da veciñanza, Abel Caballero recordou que existe presenza "continua" de Policía Local no entorno e anunciou que falará co comisario para que se incorpore a Nacional ao dispositivo. Neste sentido, o alcalde avanzou que se ampliará e se incorporará "vixilancia activa" na zona do parque infantil.

No tocante á limpeza, esta é "continua" e apuntou que unha zona próxima ao parque infantil, que "non está ben", é de titularidade privada. O rexedor instou aos privados a actuar e asumir as súas responsabilidades como propietarios e, de non ser así, "farémolo nós e lles pasaremos a factura". O dispositivo municipal tamén contempla unha mellora da iluminación.

Por último, o alcalde anunciou que no próximo ano o derrubo das edificacións abandonadas e en ruína do Barrio do Cura será "practicamente total". A rehabilitación deste espazo se está a reactivar e a primeira fase vai comezar "de forma moi rápida", con derrubas de "todo o que sexa preciso" e o tapiado do que permaneza en pé nos próximos doce meses. "Imos eliminar unha presenza non desexada de zonas do Barrio do Cura, imos proceder ao derrubo ao tempo que se tramita a nova ordenación urbanística", aseverou.

"Sabemos o que sucede", expuxo o alcalde sobre Torrecedeira, e como tal "levamos tempo actuando". Engadiu Caballero que hai persoas que utilizan o albergue de Marqués de Valterra e non xeran "tensión" algunha mentres que outra xente si a produce e está noutras zonas do barrio, colectivo co que o Concello tamén está a traballar: "todos sabemos de que falamos", anotou.