Escoitar

O goberno de Vigo adxudicará provisionalmente a humanización da Provincial esta semana

A clasificación de ofertas entre as 24 empresas presentadas á reforma será aprobada o xoves na Xunta de Goberno Local, como adiantou este martes Caballero. O alcalde explicou que a humanización se executa en colaboración coa Deputación e cun orzamento próximo aos 2,9 millóns.

martes, 12 xuñ 2018
O goberno vigués aprobará o xoves a clasificación de ofertas (antiga adxudicación provisional) para contratar as obras de humanización de Emilia Pardo Bazan, a coñecida como Estrada Provincial, segundo avanzou este martes Abel Caballero.

O alcalde adiantou que optaron 24 empresas a unha licitación con importe de case 2,9 millóns de euros, froito da colaboración do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra, unha "cooperación permanentemente aberta". A obra ten un prazo máximo de execución de 12 meses.

O Concello humanizará Emilia Pardo Bazán entre Gran Vía e Arquitecto Palacios, cunha "altísima calidade", valorou Caballero. Xunto ás melloras habituais dunha humanización, como as novas canalizacións de abastecemento de agua, pluviais e fecais, esta remodelación creará espazos para parques infantil e biosaudable e conexións coa Avenida de Madrid a través de ramplas e escaleiras.