Escoitar

O alcalde avanza que xa está operativa a web para solicitar a tarxeta cidadá PASSVIGO

Desde hoxe 11 de decembro está operativa a páxina web na que se pode solicitar a tarxeta PASSVIGO, un cartón moedeiro co que se poderá acceder a todos os servizos públicos municipais, comezando polo transporte público. O Concello enviará 100.000 tarxetas antes do 19 de xaneiro.

luns, 11 dec 2017
O alcalde anunciou hoxe a aprobación das instrucións para a solicitude, expedición e uso da tarxeta PASSVIGO. Trátase dun medio de pago que, usando as máis modernas tecnoloxías, permitirán acceso a todos os servizos vinculados coa administración local. Nun primeiro termo, o cartón vai funcionar co transporte urbano pero progresivamente, estenderase ao resto dos servizos municipais e incluso a outros como poderían ser os taxis, interesados en formar parte desta iniciativa. A PASSVIGO suporá comodidade para o cidadán xa que unificará nun mesmo sistema de tarxeta moedeiro varios documentos como o carné da biblioteca, o carné das instalacións deportivas, entre outros.

A expedición da primeira alta da tarxeta, así como a renovación ou cambio de perfil asociado, serán gratuítos, segundo explicou o rexedor. A solicitude poderá realizarse fisicamente ou telematicamente e o prazo de entrega será dun máximo de dez días. O usuario debe manifestar na solicitude de alta os servizos municipais que desexa incluír no seu perfil. Desde hoxe xa está operativa a web para solicitar o documento pero, tal e como avanzou o rexedor, o Concello enviará entre o 18 e o 22 de decembro as primeiras 35.000 tarxetas, as correspondentes a pensionistas, estudantes, universitarios e usuarios do bono social. Entre o 15 e o 19 de xaneiro, distribuiranse outras 65.000, neste caso para os usuarios da tarxeta verde. Deste xeito, concluíu, a partir do 19 de xaneiro haberá 100.000 tarxetas operativas.