Escoitar

O Concello probará na rúa Estorniño un pavimento que descontamina

David Regades deu conta da utilización na rúa Estorniño dun pavimento de beirarrúas ecolóxico que axuda a combater a contaminación. Esta iniciativa é outra mostra do valor engadido que reúnen as humanizacións que se están a realizar na cidade que, ademais de deixar un Vigo fermoso, xeran postos de traballo e permiten renovar servizos, tal e como indicou o responsable de Fomento.

xoves, 30 mar 2017
1490879744pavimento.JPG
O goberno local fará unha proba piloto na rúa Estorniño cun pavimento que combate a contaminación mediante un proceso de oxidación natural similar á fotosíntese das plantas. Trátase, explicou o segundo tenente de alcalde, dun tipo de baldosa homologada -cumpre todas as normas ISO e UNE- que xa foi probada por prestixiosos laboratorios con obras en servizo e as conclusións arroxan unha eficacia media do 60% na degradación de elementos contaminantes.

Esta iniciativa, dixo o concelleiro de Fomento, é unha mostra máis do valor engadido que reúnen as humanizacións que se veñen realizando na cidade que, ademais de renovar beirarrúas, pavimentos e servizos, fan unha aposta pola tecnoloxía, pola accesibilidade -semáforos con bluetooth ou fontes a distinta altura-, pola eficiencia enerxética -con leds e regulación da intensidade da luz- e incluso pola cultura.

Durante a rolda de prensa, Regades aludiu a algúns exemplos de obras en marcha, comezando pola rúa Aragón, onde se vai instalar unha nova rotonda na confluencia con Bailén para lograr máis permeabilidade e máis seguridade vial. Gregorio Espino, onde se revestirán os muros do paso inferior con trencadís, facendo unha homenaxe ao mar de Vigo. Á rúa Doutor Corbal, que inclúe unha estación meteorolóxica didáctica e unha placa en recoñecemento ao coñecido como "médico dos pobres" que lle da nome á rúa. Á Rosalía de Castro, onde o Concello prevé instalar unha fonte tecnolóxica na nova rotonda que se construirá na confluencia con Serafín Avendaño. Á rúa Estorniño, onde ademais do pavimento descontaminante, colocarase un panel divulgativo con aves -dado que nesa zona a maior parte das rúas levan nomes de paxaro. A última das actuacións ás que se referiu Regades é a rúa Álvaro Cunqueiro, na que se opta de novo pola posta en valor do nomenclator das rúas mediante novas tecnoloxías e códigos QR.
Descargar todas as imaxes