Escoitar

A Reconquista de Vigo, protagonista do cupón da ONCE do 28 de marzo

Os 5,5 millóns de unidades, que estarán dispoñibles desde o mércores 22 de marzo, amosan un debuxo do momento histórico no que os vigueses botan abaixo a Porta Gamboa para expulsar aos franceses. O alcalde convida a toda España a vir mercar o cupón a Vigo porque "ten que tocar aquí".

xoves, 16 mar 2017
1489670625cuponxornal.JPG
O alcalde participou este xoves na presentación do cupón que a ONCE dedica á festa da Reconquista de Vigo no sorteo do vindeiro 28 de marzo e que homenaxea aos vigueses que expulsaron ao exército francés no ano 1809. "Por forza ten que tocar en Vigo", dixo, e convidou a toda España a que visite a cidade para mercalo.

Caballero agradeceu a colaboración da ONCE que deu unha resposta "inmediata" á petición do Concello dedicar un cupón á Reconquista, "o emblema da cidade", e puxo en valor a función social que desenvolve a ONCE no eido da igualdade de oportunidades, ad eliminación de barreiras e a proporción dun modo de vida digno "a tantas persoas que, sen esta organización, non o terían fácil".

Así, recalcou que Vigo aposta pola accesibilidade e quere ser unha cidade cómoda para todas as persoas, mencionando as melloras que o goberno municipal está introducindo nas obras de humanización ou os semáforos con sinalización acústica e o sistema de bluetooth que permite que as persoas invidentes accionen o semáforo a través do móbil.

O cupón poderá adquirirse nos diferentes puntos de venda desde o mércores 22 de marzo por un prezo de 1,5 euros cun premio de 35.000 euros cada cupón. No acto de presentación participaron Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE en Galicia; José Antonio Fernández Rodeiro, director de ONCE Vigo; a concelleira de Turismo, Laura Iglesias, e o edil de Comercio, Ángel Rivas.
Descargar todas as imaxes