Escoitar

Turismo colabora na publicación dunha guía promocional das Rías Baixas

mércores, 29 xan 2003
imx2274.jpg
A guía ”O pracer de viaxar polas Rías Baixas” presentarase en Fitur co fin de promocionar o turismo na zona sur de Galicia. Ademais da colaboración da Concellería de Turismo, participan na edición e distribución do libro a Federación Provincial de Empresarios de Hostalería e a Asociación Empresarial de Hospedaxe.

A concelleira de Turismo, Lílian Álvarez, explicou que esta guía ”vai ser un instrumento importante nas Rías Baixas porque contén a información demandada por parte dos visitantes”. A xente que vén a Galicia quere coñecer lugares de interese, espacios culturais, naturais e gozar da gastronomía, destacou Álvarez.

O presidente da Federación Provincial de Empresarios da Hostalería, Carlos Rodríguez, indicou que a publicación dispón de contidos como clima, cómo chegar, guía de hosteis, restaurantes, lugares de ocio, praias, zona de compras, asistencia sanitaria, roupa apropiada e reportaxes sobre casas típicas ou o Camiño Portugués, entre outras cuestións.

O presidente da Asociación Empresarial de Hospedaxe da Provincia de Pontevedra, José Manuel Barbosa, dixo que o libro marca un fito na colaboración entre institucións e sector empresarial pola aposta na promoción das Rías Baixas.

A guía de consulta distribuirase nos cuartos dos principais hoteis da provincia, con carácter gratuíto e infomativo, de forma que a mensaxe sexa efectiva para os visitantes. O obxectivo desta iniciativa, que conta co apoio e respaldo de Turgalicia, é un beneficio mutuo dos clientes, xa que será un referente dos servicios de toda a provincia. A tiraxe inicial é de 4.000 exemplares, aínda que non se descarta a súa venda en librerías.

MÁIS INFORMACIÓN
Descargar todas as imaxes