Escoitar

O Plan local de drogodepencias busca unha nova orientación na prevención, tratamento e integración

mércores, 5 feb 2003
imx2297.jpg
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, presentou o Plan local de drogodependencias e outras adiccións que busca dar unha resposta conxunta, uniforme e complementaria ás demandas que a sociedade ten sobre as problemáticas derivadas do consumo de estupefacientes.

Sío explicou que o manual ofrece unha nova orientación no tema do tratamento das drogodependencias que pretende pór a disposición dos técnicos e interesados un instrumento que sirva de documento útil e soporte das accións en prevención, asistencia e incorporación social.”É un soporte teórico e metodolóxico que recolle as accións realizadas desde o 2002 e ata o 2004”, afirmou a concelleira.

As accións postas en marcha son a comisión permanente do plan, a comisión técnica interdepartamental, a oficina técnica do plan e os estudios que se introducirán este ano. Este documento de referencia consensúa as liñas de traballo a realizar desde o compromiso de tódolos colectivos que desenvolven o seu labor no ámbito de prevención, tratamento e integración das drogodependencias.

O manual contempla definicións, un marco xurídico de referencia, direccións políticas e técnicas, comisións de traballo, recursos, obxectivos, medidas estratéxicas, cronoloxía, compromisos de traballo en prol da saúde e fichas de entidades que conforman este plan.

O presuposto destinado á elaboración do Plan local de drogodependencias no 2002 foi de 77.788 euros e no 2003 investiranse aproximadamente 87.234 euros, pese a recibir 10.000 euros menos do convenio do Plan Autonómico de Drogodependencias da Xunta de Galicia.
Descargar todas as imaxes