Escoitar

O Entroido, protagonista das ludotecas municipais de Vigo en febreiro

martes, 4 feb 2003
imx2293.jpg
O Entroido será o gran protagonista das ludotecas municipais de Vigo en febreiro, aínda que non se celebrará ata a primeira semana de marzo. Os nenos decorarán as ludotecas con diversos motivos de terror e farán disfraces para poder desfilar coas comparsas. Ademais aprenderán a maquillar caras de medo e facer as tradicionais orellas. Os programas desenvolveranse nas ludotecas da Casa da Xuventude, Coia, Lavadores, Coruxo e na de integración de Hoy por Mañana.

Na Casa da Xuventude a programación xirará entorno ó inverno, a fantasía, a creatividade e o Entroido. A ludoteca converterase nunha Casa do Terror. Os nenos crearán un mundo do horror máis moi divertido, cheo de sombras, arañas, tormentas, esqueletos, fantasmas, zombies, momias, bruxas e personaxes míticos do terror coma Drácula ou Frankestein.

Tamén farán a súa propia comparsa, con disfraces, instrumentos ruidosos, coplas e o meco. O venres 28 de febreiro desfilarán pola ludoteca, o martes 4 de marzo sairán de comparsa polo barrio, e o mércores 5 de marzo representarán unha función teatral con tódolos monstruitos e queimarán o meco.

Haberá un obradoiro de maquillaxe onde os cativos aprenderán a pintar caras de medo e outro de cociña no que se farán orellas.

Tamén aprenderán xogos de maxia e lerán libros da colección El pequeño vampiro.

En Coia decorarase a ludoteca para acadar un efecto de tenebrosidade con pintura, cartón e tela, e faranse disfraces. Haberá un desfile de roupa no que se presentará a colección de inverno para vampiros. Elaborarase unha brebaxe da inmortalidade.

Farase unha película de terror (Blade 2 ¾), desde o guión ata a grabación. Primeiro elaborarase o guión e a banda sonora, e haberá concursos de efectos especiais e berros espeluznantes. Despois haberá obradoiros de maquillaxe e caracterización e un casting de voces e interpretación. Finalmente, chegará a posta en escena e a grabación.Para celebra-la presentación do filme se fará unha merendola e un baile de vampiros.

Na ludoteca de Coruxo o Entroido será o tema da segunda quincena do mes, mais na primeira traballarase sobre o tema Ponte no meu lugar. Procurarase ver o mundo dende o outro lado, alimentando o sentimento solidario e coñecendo os problemas de moitos pobos do mundo, como a violencia, a guerra, as barreiras arquitectónicas ou os problemas das persoas con discapacidades.

A segunda quincena xirará en torno ó Entroido. Colaborarase co CRAC de Coruxo na elaboración do monicreque que participará no Enterro do Castrón, decorarase a ludoteca ó estilo brasileiro, faranse diversas actividades relacionadas co Carnaval de Río de Janeiro e coñecerase a historia do Farrapeiro.

En Lavadores o Entroido deixarase tamén para a segunda quincena do mes. Na primeira abordarase a educación viaria, con xogos de mesa e simulacións no exterior de rúas, pasos de peóns ou cruces para que os nenos amosen se saben moverse correctamente na cidade. Farase tamén o concurso con preguntas sobre educación viaria, un guiñol e un sorteo de material donado pola DGT e a Policía Local.

Na segunda quincena confeccionaranse disfraces para o Entroido, mais relacionados coa educación viaria. Serán disfraces de sinais de tráfico e faranse con cartóns, témperas de cores, pinceis, etc.

Na ludoteca de integración Hoy por Mañana, xestionada pola asociación do mesmo nome coa colaboración do Concello, faranse manualidades coma unha axenda telefónica con papel de augas, rás con noces, posavasos de cerámica, pisapapeis con pedras de río ou antifaces. Haberá tamén xogos predeportivos e de competición, contacontos e cine.
Descargar todas as imaxes