Escoitar

Manel Fernández destaca a "particularidade da Subida ao Castro", que contará con medio milleiro de atletas

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou hoxe a novena edición da Subida ao Castro, a penúltima proba do Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares, que se disputará este domingo 14 de decembro ao mediodía.

xoves, 11 dec 2014
1418315967deportes.jpg
"É un carreira especial, breve pero intensa, cun percorrido apaixonante, atractivo e específico", en razón de que se fai en subida e salvando chanzos, afirmou o concelleiro na rolda de prensa.

Con preto de medio milleiro de inscritos, a meirande parte dos atletas que compiten no circuíto que patrocina o Concello e que ten dotación específica de premios ao remate do ano, a proba contará este ano ademais cun compoñente solidario, pois nove bombeiros do Concello de Vigo competirán cos seus equipos para que o afeccionado que segue a carreira poida velos en acción á vez que solicitan unha axuda solidaria para o Banco de Alimentos, que necesita comida para nenos, aceite de xirasol, cacao e leite.

Precisamente xunto co concelleiro e o organizador, Guillermo Janeiro, de Singletrack, atopábanse varios dos bombeiros participantes. José Villar e Pablo Senra explicaron que utilizarán "o mesmo equipo de protección individual, mascarilla e botella de osíxeno incluídas", que si estivesen intervindo na extinción dun incendio. "É un equipo de vinte quilos, teremos que regular moito o osíxeno que levaremos porque o habitual é que dure trinta minutos nun incendio pero esta é unha situación diferente".

O edil subliñou que é unha fin de semana moi atlética, ao xuntarse tres carreiras, a Subida ao Castro (domingo), o Memorial Andrés Abanqueiro de cross escolar en Castrelos (domingo) e a Nocturna Manuel Dalmeida en Bembrive (sábado). Ademais, tamén apuntou que o "boom" do atletismo é unha realidade completa, "con 45 probas este ano". O responsable do deporte da cidade felicitouse polas cifras de 2014, "con máis de 12.000 participantes nas carreiras en ruta".

Para rematar, Janeiro destacou a presenza entre os inscritos de triplo ganador da Subida, Marcial Rodríguez (edicións primeira, segunda e cuarta), o dobre campión da mesma, José Antonio Ramallo, e de Rafael Fuentes, que inscribiu o seu nome no palmarés un ano e en 2013 terminou segundo.

A carreira iníciase ás 12:00 horas en Montero Ríos, subindo dende o Casco Vello á entrada do castelo do Castro.

O Concello apoia a proba cos trofeos (a exitosa medalla de Vigo) e a seguridade do evento (Policía Local e Protección Civil).
Descargar todas as imaxes