Escoitar

O Concello reclama o mantemento dun Instituto da Muller especializado na igualdade de oportunidades

A moción presentada este luns no Pleno polo grupo socialista foi aprobada co apoio nacionalista e a oposición do PP e esixe ao Goberno de España que manteña o Instituto da Muller como ente autónomo especializado na igualdade de oportunidades entre xéneros. Vigo pide igualmente máis recursos para o Instituto e devolverlle a capacidade de acción que tiña.

luns, 1 dec 2014
A Corporación esixe ao Goberno de España que manteña o Instituto da Muller e lle devolva "a capacidade de acción que antes tiña, centrada na igualdade entre homes e mulleres para, entre outras cousas, coordinar as políticas de igualdade co resto de ministerios e organismos públicos, así como para facer o seguemento de toda a lexislación relativa á igualdade de oportunidades de homes e mulleres".

O acordo esixe ademais un incremento orzamentario para que o Instituto "poida seguir ocupándose de temas tan prioritarios como a erradicación da violencia de xénero, o emprego, a educación non sexista, a trata de persoas con fins de explotación sexual, etc". Igualmente se require do executivo central que "desde o Instituto da Muller sígase apostando polo traballo conxunto en colaboración coas autonomías e entes locais" e esixirlles "que tramite a Lei Integral de Igualdade de trato e non discriminación co fin de afondar no valor da igualdade máis alá do seu recoñecemento legal e garanta a igualdade de trato e a loita contra a discriminación".

Outros acordos
Os socialistas presentaron e sacaron adiante outra moción no Pleno desta mañá co voto favorable dos nacionalistas e negativo do PP, un texto para que o goberno central "tome as medidas necesarias para garantir a viabilidade do servizo postal público". Estas accións pasarían pola defensa "sen ambigüidade" do servizo e os seus compromisos de futuro, por garantir os compromisos de financiamento para a prestación deste, por impulsar unha regulación do mercado "que non recorte o plan de prestación do servizo postal universal" aos cidadáns, polo aseguramento dun reparto os cinco días da semana como indica a Directiva Postal Europea, por posibilitar a Correos a traslación da tradicional carta a novos mercados como a paquetería e facendo posible a consecución dun acordo laboral "hoxe inexistente" do que dependerá o emprego e as condicións de 55.000 traballadores.

Unha terceira moción do grupo municipal do PSOE, aprobada co apoio de todos os partidos políticos, insta á Xunta de Galicia a "poñer en marcha unha mesa de traballo coa finalidade de analizar o proceso de adscrición e posterior integración das Ensinanzas Artísticas Superiores no sistema universitario galego".