Escoitar

Xogos, seres míticos, artesanía e outras culturas centran a programación de xaneiro das ludotecas

venres, 10 xan 2003
imx2202.jpg
En xaneiro, a ludoteca da Casa da Xuventude (López Mora, 31) celebrará a utilidade do xogo como instrumento lúdico e de aprendizaxe no tempo de lecer dos nenos. Cada semana porán de moda un tipo de xogo diferente: de estratexia e habilidade, educativos, de construcción e de salón.

Tamén se continuará cos obradoiros de fotografía (revelado dun carrete en branco e negro, posta a punto da colección de álbums de fotos sobre a vida da ludoteca...), de roupa, calzado e complementos ecolóxicos (cinturóns, abalorios, pins...) e de vestimenta e decoración ecolóxica. Tódolos traballos serán expostos na sala de exposicións da Casa da Xuventude a última semana do mes.

O 31 de xaneiro, os nenos sairán de excursión á sesión de contacontos ”Mensaxes para a paz” na librería Contos para Soñar, da editorial Kalandraka.

A ludoteca de Coia (Pavillón Polideportivo, Castelao, s/n) ocuparase doutras culturas, cos seus xogos e costumes. Os nenos xogarán a ser esquimais, aprendendo a saudar co bico esquimal, xogando o Grande Xogo de Xeo e farán loitas a copo limpo e carreiras de trineos. Outra semana xogarán a ser orientais, aprendendo artes marciais coma Tai Chi Cuan e Tae Kwon Do, e porán a proba a súa paciencia cos paliños chineses. Tamén xogarán a ser xefes de tribus africanas, facendo xogos de rastrexo e orientación, fabricando adornos africanos, disfrutando das danzas africanas e mandándose mensaxes con tambor.

Na ludoteca de Lavadores (Asociación de Veciños, Ramón Nieto, 302) os nenos familiaranse coa actividade artesanal, realizando un gran obradoiro de artesanía no que elaborarán chaveiros, frores, cintas para o pelo, pulseiras e pins con materiais distintos ós habituais cartóns e cartulinas, coma fíos, telas e lans. Tamén fabricarán os seus propios teares e observarán como traballan as palilleiras do curso de encaixe de bolillos da Asociación de Veciños.

A ludoteca de Coruxo (Colexio A Paz Tintureira, Estrada Fragoselo, 28) adicará a primeira quincena de xaneiro ós seres máxicos de Galicia, Alemaña e os fiordos, coma os trasnos, os demos, as migas, o home do saco e o lobishome. A segunda quincena estará adicada ós deportes. Promoverase o deporte base como ben do corpo e xogo de sinalización e de divertimento, por riba das marcas, victorias e rivalidades propias do deporte profesional.

Na ludoteca de integración Hoy por Mañana (Sagunto, 86) –xestionada por unha asociación de pais de paralíticos cerebrais e dirixida tanto a nenos con deficiencias físicas, psíquicas ou sensoriais como a nenos sen deficiencias–, realizaranse manualidades coma servilleteiros con tubos de papel hixiénico, trofeos para competicións ou cadros mosaicos con legumes. Tamén haberá xogos coma competición de puntería, un contacontos e unha película semanais.
Descargar todas as imaxes