Escoitar

O Concello de Vigo aproba os orzamentos de 2014 co maior apoio da historia

A sesión plenaria celebrada este venres rematou coa aprobación inicial das contas deste ano co apoio dos grupos socialista e popular e a oposición nacionalista. 24 dos 27 concelleiros ratificaron o maior apoio da historia recente da cidade a uns orzamentos municipais, os presentados polo goberno local, "máis sociais e máis solidarios", en verbas da tenente de alcalde, Carmela Silva.

venres, 2 mai 2014
Goberno local e Partido Popular votaron este venres a aprobación inicial dos orzamentos municipais para este ano, unhas contas que suman o maior apoio da historia recente da cidade ao ser ratificadas por 24 dos 27 concelleiros da Corporación, e que representa o sétimo consecutivo desde a chegada de Abel Caballero á Alcaldía.

A tenente de alcalde, Carmela Silva, defendeu o texto -con 228 millóns de euros de cuantía total- sinalando que é "o máis social e o máis solidario" da historia da cidade e presenta "menos presión fiscal" para a cidadanía. Indicou Silva que o orzamento "pon o acento na xente e nas súas necesidades" pois as partidas para política social e promoción de emprego se incrementan un 22,5% con respecto ao pasado ano, e detallou que os 5,5 millóns de 2014 para creación de emprego supón o dobre do gastado hai tres anos neste concepto.

Silva fixo fincapé no gasto social previsto nestas contas, subliñando os 4,1 millóns de euros que se adicarán a axudas a comedores sociais, bolsas de comedor escolar e convenios con entidades sociais, ademáis dos 700.000 euros para o funcionamento do Centro de Inclusión e Emerxencia Social e os 2 millóns de euros para achegas directas a familias para a adquisición de alimentos, o pago do aluguer e da enerxía. Tamén recordou a tenente de alcalde os 12 millóns cos que o goberno local subvenciona aos usuarios do autobús urbano que empregan a tarxeta verde.

Co orzamento de 2014, a socialista recordou que o goberno de Vigo continúa rebaixando a débeda do Concello cos bancos "camiño da débeda cero", mantén os investimentos para seguir "transformando a cidade", inclúe unha partida para o apoio ao aeroporto de Vigo e recupera as axudas para que os alumnos de Secundaria poidan estudar inglés no estranxeiro, unha medida "sinónimo de igualdade de oportunidades e xustiza social".

O voceiro do Partido Popular, José Manuel Figueroa, explicou o apoio do seu grupo por "responsabilidade" ao ser estes orzamentos "importantísimos" para a cidade e por ter recollido as demandas dos vigueses de "sumar" forzas e non "confrontar". Valorou o edil que "a creación de emprego é unha das patas fundamentais deste orzamento" e "o apoio social, unha das súas prioridades". Figueroa defendeu este acordo co goberno local resumido na conxelación de impostos, o recibo fiscal único con pago diferido no tempo, a diminución da débeda, o desbloqueo do transporte metropolitano, o estudo para tarifar por consumo a auga, a supresión dos organismos autónomos e a Cidade da Xustiza, entre outros.

A voceira do BNG, Iolanda Veloso, definiu de "inédito e insólido" o acordo de aprobación dos orzamentos e indicou que a oposición nacionalista se debe a que este orzamento é "de dereitas", non responde aos intereses da cidade se non a fins "electorais" e solicitou 10 millóns de euros máis para política social e de emprego.