Escoitar

O Pleno da Corporación insta ao Goberno a retirar a lei que prevé a eliminación do partido xudicial de Vigo

Os socialistas prantexaron na sesión Plenaria desta mañá a importancia de defender o partido xudicial de Vigo e, polo tanto, instar á retirada do anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, contando nesta ocasión co apoio do PP. O PSOE tamén presentou un texto reclamando o IVE reducido para as perruquerías que obtivo o respaldo de toda a Corporación.

luns, 28 abr 2014
O PSOE logrou sacar adiante, neste caso co voto favorable do PP e en contra do BNG, dun texto que insta á retirada do Anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial polo dano que causa aos cidadáns de Vigo. A moción establece que, no caso de que a Lei continue adiante e estableza dous Tribunais de Instancia na provincia de Pontevedra, unha terá sede en Vigo e abranguerá todo o sur da provincia, mentres que a outra terá sede en Pontevedra e abranguerá o norte da provincia. No caso de que esta lei estableza un so Tribunal de Instancia na provincia de Pontevedra, os socialistas creen que debe ter a súa sede en Vigo e que, baixo ningún concepto, desaparecerán as audiencias provinciais. O texto tamén aboga por duplicar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ben creando unha sede en Vigo -mantendo a de A Coruña- ou dividindo a actual en dúas partes.

Asimesmo, toda a Corporación apoiou na sesión Plenaria desta mañá a proposta socialista de reclamar para as perruquerías un tipo de IVE reducido, o 10% fronte o 21% que soportan desde o 31 de agosto de 2012. O texto destaca a importancia desta modificación nun sector no que en 2013 se pecharon 150 salóns en Vigo, coa perda de 375 empregos, unhas cifras que se prevé sigan empeorando no 2014.

Outra das propostas socialistas que recibiu luz verde na sesión Plenaria desta mañá foi a de rexeitar a reforma imposta ao marxe do Pacto de Toledo, sobre a revalorización do sistema de pensións. Cos votos favorables do BNG e en contra do PP, o texto insta ao Goberno de España a volver ao Pacto de Toledo para implantar as medidas necesarias que permitan aos pensionistas e xubilados recuperar unha fórmula que garanta o mantemento do poder adquisitivo das pensións públicas, e a sustetabilidade do sistema, un sistema que por xustiza lles corresponde.

BNG
Pola outra banda, os votos de BNG e PP foron quen de aprobar unha moción nacionalista instando ao goberno municipal a facer efectivo o cumprimento de todos os acordos plenarios acadados por respecto ao funcionamento democrático e á cidadanía viguesa. O PSOE abstívose nesta ocasión.