Escoitar

O Concello amplía en 2014 a terapia asistida con cans que presta de balde en nove asociacións

O alcalde mantivo este mércores unha reunión con representantes das nove entidades beneficiarias deste proxecto, que incorpora neste 2014 unha terceira cadela a un programa que traballa con máis de 400 usuarios en función do seu grao de discapacidade. Caballero valorou a "gran acollida" da iniciativa por parte de familiares e profesionais.

mércores, 22 xan 2014
1390395119terapia.JPG
O goberno de Vigo amplía en 2014 este proxecto coa incorporación dunha terceira cadela -todas procedentes da protectora de animais e formadas previamente durante un ano- para unha terapia da que se benefician de balde máis de 400 usuarios pertencentes a nove asociacións da cidade.

Abel Caballero e Chus Lago mantiveron esta mañá unha reunión con representantes das entidades para trasladarlles as novidades deste ano, o cuarto da iniciativa municipal, financiada integramente polo Concello de Vigo con 30.000 euros. Tres cadelas, un educador canino, dous terapeutas-guía e un veterinario conforman o equipo que opera en DOA, ANHIDA, AFAGA, ALENTO, FOANPAS, APAMP, ASPAVI, ASPANAEX e FEAFES, segundo explicou o rexedor.

O alcalde valorou o "éxito" da proposta e a "gran acollida" que ten entre as familias dos usuarios e os profesionais das asociacións, encargadas de demandar este servizo. Como mostra, o número de usuarios desta terapia ascedeu de 100 en 2011 aos máis de 400 deste ano. O equipo humano e as cadelas visitan semanalmente ás asociacións durante dúas horas, desenvolvendo unha acción lúdica e terapéutica para estimular aos usuarios, en función do seu grao de discapacidade.
Descargar todas as imaxes