Escoitar

A III edición de Correndo por Vigo abre o Circuíto Cidade de Vigo 2014 de carreiras populares

A terceira edición dos 10 quilómetros Correndo por Vigo regresa este domingo día 12 como cada mes de xaneiro e, por segundo ano consecutivo abrirá, o Circuíto de Carreiras Populares Cidade de Vigo, que entra en 2014 no seu sexto ano.

martes, 7 xan 2014
1389116107calvario.JPG
Precisamente Manel Fernández, concelleiro de Deportes, destacou ese feito no Concello durante a presentación da carreira, con saída e chegada no barrio do Calvario, e que "traballa por facerse cun espazo nesta cidade", sinalou. A proba popular, duns 10.000 metros, é a primeira deste ano do circuíto patrocinado polo Concello, que terminará na Alameda o 21 de decembro co Gran Premio Pedestre de Nadal.

A Correndo por Vigo "variou este ano o percorrido pensando no atleta", e terá a dificultade da subida da rúa Aragón, dixo David Posada, alma mater organizativo. Partindo do mercado do Calvario, os atletas irán cara á rúa Gregorio Espino, continuando por Urzaiz ata virar á esquerda á altura de Travesía de Vigo por Pizarro. De Pizarro retornarán á Travesía cun cambio de sentido, e correrán logo polas rúas Aragón, Urzaiz, Toledo, Portela, Palencia, Sagunto e Urzaiz de novo para retornar ao lugar de saída.

Serán dúas voltas ao circuíto urbano, e a organización espera un milleiro de atletas (por cuestións organizativas o límite é de 1.200 participantes), logo de sumar 865 na edición anterior.

"É un acontecemento feliz e importante para o barrio do Calvario", explicou o edil de Deportes, que lembrou que hai previstas carreiras para todas as idades, indicando ademais que "o Concello é soporte principal desta carreira". O responsable municipal ademais resaltou o "claro avance" desta especialidade en Vigo porque "cada vez hai máis probas".

O alcalde, acompañado polo concelleiro, dará a saída a unha carreira prevista para as 11:00 horas, mentres que os nenos correrán pola peatonal do Calvario, habendo probas para 4 anos (100 metros), de 5 a 8 anos (300 metros), de 9 a 12 anos (600 metros) e de 13 a 15 anos (uns 1.000 metros). "Son o futuro do atletismo e do deporte", sinalou Posada. La Caixa, as asociacións de Veciños e Comerciantes do Calvario, Mercado do Calvario e Höllenback (premio ao atleta e á atleta de máis idade) son algúns dos patrocinadores privados. A día de hoxe, a organización rolda os 800 inscritos e un cento de nenos xa confirmados.

Ademais, Posada anunciou que no serán do sábado haberá unha charla técnica dos atletas Jaume Leiva e Elías Domínguez, un aspecto complementario da carreira.
Descargar todas as imaxes