Escoitar

O Concello investirá 80.000 euros en arranxar os pisos cos que financiará o solo da Cidade da Xustiza

A tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Carmela Silva, explicou este martes que o Concello prevé rematar as reformas nos pisos entre decembro e xaneiro, para posteriormente iniciar a tramitación de venda. O goberno local empregará estes ingresos en pagar as expropiacións do solo no que a Xunta de Galicia debe construir a Cidade da Xustiza.

martes, 3 dec 2013
1386075742carmela.JPG
Silva informou de que o goberno de Vigo investirá 80.000 euros nas reformas precisas nos 50 pisos de titularidade municipal en República Argentina, a acometer entre decembro e xaneiro, e das que 10 serán transferidos a ADIF -en virtude dun convenio de 1994- e as outras 40 comezarán a tramitación para ser vendidas. Cos ingresos derivados da venda, o Concello pagará a expropiación do solo para que a Xunta de Galicia constrúa a Cidade da Xustiza de Vigo.

Segundo explicou a tenente de alcalde, o Concello acometerá as aperturas das gretas para limpialas e aplicar produtos elastómetros para o seu posterior pintado, realizará o emplastecido de fisuras de menor calibre e saneado de humedades, aplicará pinturas antimofo en paramentos intervidos en estanzas completas dada a antigüidade das existentes, fará o tomado de xuntas abertas de azulexos, a substitución de azulexos rotos ou soltos e plaquetas, o saneado de tarimas de madeira, o cepillado de portas interiores, o saneado de carpintarías de madeira con pinturas de spray, o arranxo de cisternas e colocación de mecanismos.

Carmela Silva recordou que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comprometera unha partida orzamentaria para a Cidade da Xustiza e, nos orzamentos autonómicos de 2014, non figura este capítulo. A tenente de alcalde esixíulle a súa inclusión nas contas para o próximo ano.
Descargar todas as imaxes