Escoitar

Vigo será escenario e protagonista dunha serie web que busca promocionar a cidade

A unión do Concello de Vigo, Vigopolis.com e Twang Produccions, en colaboración coa Escola de Imaxe e Son do Marcote, fai posible o inicio desta serie web -presentada este martes na Praza da Princesa-, a rodar integramente en Vigo, coa que se pretende potenciar e divulgar o dinamismo turístico e cultural de Vigo.

martes, 20 ago 2013
1377001100vigopolis.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este martes na presentación da nova serie web "Vigopolis", xunto a Fabián Figueroa e Piño Prego, directores da mesma, amenizada pola música de Frans Banfield e Brian Moure.

Segundo explicaron ante os medios, o proxecto adáptase ás necesidades actuais e ofrecerá ao espectador unha nova visión e concepto de Vigo e a súa xente. A idea desta serie web, a rodar en Vigo e nos seus arredores, é que os vigueses e viguesas teñan unha participación "notable" na mesma, como figurantes, extras e incluso guionistas, a través dun concurso de tramas no que os interesados poden enviar propostas para a realización de posteriores capítulos, optando a un premio e á colaboración na rodaxe.

O obxectivo das partes implicadas pasa por dar a coñecer novas e descoñecidas zonas de Vigo, a súa gastronomía e as praias, como forma de promocionar turísticamente a cidade como urbe dinámica e creativa. A serie seguirá a vida do seu protagonista, un novo actor vigués de 33 anos que regresa á cidade tras catro anos en Madrid para presentarse a unha proba de cámara.

Abel Caballero salientou que "Vigo está cheo de creadores", é unha cidade cunha "inmensa capacidade creativa", e os directores son mostra disto, polo que augurou "un gran éxito" á proposta.
Descargar todas as imaxes