Escoitar

Medio milleiro de "riders", nun Cidade de Vigo "referente no calendario internacional", anuncia o concelleiro Manel Fernández

A Vigo Bike Contest-Trofeo Cidade de Vigo celebra a súa decimocuarta edición esta fin de semana do 23 e 24 e é o Trofeo Cidade de Vigo. Organizada por Single Track Outdoor Sports, asociación deportiva viguesa con Guillermo Janeiro á fronte, o evento é referencia do ciclismo de montaña

luns, 18 mar 2013
1363624600bike.JPG
Os montes de Fragoselo (Coruxo) serán o lugar idóneo para a práctica desta competición, un "gran acontecemento e referente do mountain bike", segundo sinalou o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, durante a presentación do evento. O concelleiro estivo acompañado por Guillermo Janeiro, o organizador, e por dous dos patrocinadores privados, Coca-Cola (María Troncoso) e Anca (Juan González).

O evento foi outros anos Copa do Mundo e Copa de Europa. Grazas á súa duración no tempo, á súa organización e a que "figura no calendario nacional e internacional porque é unha proba potente", explicou o edil socialista, é coñecido a nivel internacional e a el acoden este ano participantes de Francia, Reino Unido, Portugal e Andorra.

A competición consta de dúas probas, o sábado o Cross Country, puntuable para o Open de Galicia (é a segunda carreira do calendario autonómico, que consta de trece concentracións de marzo a xullo), e o domingo o Enduro, que figura no circuíto Mondraker. Ademais o domingo tamén haberá Mini DH Coca-Cola (descenso para nenos de 4 a 13 anos), nun circuíto de 200 metros, e unha exhibición de Pump Track, que é unha especialidade que gusta entre os mozos e mozas de 12 a 18 anos.

A organización estima acadar os 500 participantes, 200 deles en Enduro, co beneficio que supón para os hoteis da cidade.

O Enduro, que se disputará o domingo (9:00 horas), é o prato forte, co dobre de inscritos que en 2012, e é a segunda proba das Mondraker Enduro Series, un campionato internacional que se celebra en cinco localidades, de marzo a outubro, que se correu en Gavarres (Cataluña) e que tras Vigo irá a Francia (xuño, Argeles Sur Mer), Castela-León (setembro, Arenas de San Pedro) e Comunidade Valenciana (Bike Park La Fenasosa, Sierra Mariola, Alacante, outubro).

A organización aposta por segundo ano consecutivo polo Enduro por ser esta unha modalidade que está facendo furor: é máis popular que o descenso, que "ten evolucionado e require circuítos con máis inclinación", sostén Janeiro, mentres que para o novedoso Enduro "estes montes son ideais", di.

Os participantes no Enduro deberán completar cinco descensos, chegando a cada tramo nun tempo limitado. A participación é importante. De feito, hai catro nomes a seguir. Os franceses Cedric Gracia, lenda como "rider" e que foi campión do mundo de mountain bike (o sábado cumprirá 35 anos); Damien Oton, líder das Mondraker Series tras gañar a proba de Cataluña; o barcelonés Tomás Misser, que foi campión mundial UCI de descenso en master; e o vigués Antonio Pérez Dacosta, campión do Open de España de Enduro, "que xoga en casa".

Os patrocinadores privados (o principal e público é o Concello de Vigo) resaltaron a "calidade desta proba cada ano en Vigo" e a súa satisfacción por "dar a coñecer un novo concepto na bicicleta de montaña como é o enduro".
Descargar todas as imaxes