Escoitar

O Concello inicia os actos polo 150 aniversario da publicación en Vigo de "Cantares Gallegos"

Vigo deu comezo este venres no IES Santo Tomé aos actos que programa o Concello de Vigo para conmemorar a publicación da obra de Rosalía de Castro. 42 xornadas -ata o 17 de maio- e 42 puntos da cidade onde celebrar a data, abertos hoxe polo alcalde prendendo o facho e coa leitura dun manifesto.

venres, 22 feb 2013
1361551344rosalia.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asistiu este venres ao IES Santo Tomé para dar inicio aos actos que programa o Concello para conmemorar o 150 aniversario da publicación na cidade do "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro, o 17 de maio de 1863.

"Queremos que este sexa o ano de Rosalía en Vigo", salientou Abel Caballero ante os medios de comunicación, "transmitir a toda a cidade" a figura de Rolsalía de Castro para que forme parte da nosa "mobilización cultural", apuntou.

O Concello -que celebra ao tempo o 24 de febreiro como o Día de Rosalía en Vigo- programa distintas actividades desde hoxe ata o próximo 17 de maio, 42 xornadas para outras tantas iniciativas conmemorativas en numerosos puntos da cidade, empregando o simil deportivo dos 42 quilómetros da maratón.

A leitura dun manifesto, escrito polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Regueira, e un facho como símbolo da luz do Rexurdimento que iniciou "Cantares Gallegos" percorrerán Vigo durante as leituras de poemas, conferencias e concertos que se celebrarán, entre outras propostas.
Descargar todas as imaxes