Escoitar

Caballero sitúa a Travesía a Nado como "a mostra do interese do patrocinio privado polo deporte"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou hoxe á Travesía a nado El Corte Inglés como exemplo "de coordinación" entre o Concello, as empresas privadas e o tecido deportivo, neste caso a Federación Galega de Natación, organizadora da proba puntuable para o VIII Circuíto Galego de augas abertas.

mércores, 10 ago 2011
1312980502travesia.jpg
A Travesía cumprirá a súa edición número 33 o vindeiro domingo día 21, con saída e meta na praia do Vao (11:00 horas). "É unha actividade de patrocinio que vai ligada á propia historia da empresa en Vigo; estamos dende hai 35 anos e patrocinámola hai 33", sinalou José Manuel Blanco, responsable de Relacións Externas da El Corte Inglês, patrocinador da competición. Por segundo ano consecutivo, os federados deberán nadar 2.500 metros (un triángulo olímpico), mentres que o percorrido para os non federados será de media milla mariña (925 metros).

Pola súa banda, Caballero subliñou que un evento como este, que xunta deporte federado e afeccionado, "é unha boa mostra do interese dos patrocinadores privados por manter o deporte", asegurando ademais que "a coordinación das entidades privadas (Hijos de Rivera, McDonalds, Coren, Arena, Cabreiroá e Dulcesol) é unha forma as de entender unha cidade". Tamén felicitou á empresa patrocinadora da travesía "pola súa permanente presenza na cidade para eventos de todo tipo, desde culturais a deportivos".

Dende a organización espérase acadar os 600 participantes como cifra máxica, pero se dá por óptimo que finalmente saian en carreira pola area e dende as inmediacións das Beachescolas ao auga do Vao uns 400. Ademais, hai unha importante representación de Portugal (o ano pasado venceron os irmáns Araujo Mendes en categoría masculina e feminina absoluta), Asturias, Cantabria e Castela-León e o interese polo evento tradúcese en 200 inscricións nos dous primeiros días de apertura do prazo, que se pecha o mércores 17 ás 20:00 horas no Corte Inglés (planta de Deportes).

A Federación Galega de Natación lembrou que esta travesía a nado é unha das poucas que sobreviven "en época de crise e ademais mantén o mesmo número de trofeos". En 2009 había dezaseis no calendario de augas abertas e agora son só nove. A do Vao é a sétima do circuíto.

O rexedor municipal, que advertiu que a tradición da Travesía a Nado leva a familias a non faltar a súa cita coa Ria, aproveitou o acto para lembrar que "Vigo vive un momento de gran realce do deporte; atopámonos nunha posición brillante, pero iso tense que soster dende a cooperación de empresas, clubs e entidades co Concello e outras institucións; é a forma correcta de plantexarlo".
Descargar todas as imaxes