Escoitar

A Concellería de Deportes apoia á selección de Vigo de fútbol sala, que xogará o 28 de xullo contra Qatar en Coia

Vigo recupera o fútbol sala internacional no verán. Tras vibrar a cidade coa Supercopa de España, en xaneiro, agora é a quenda do novo Trofeo Concellería de Deportes, que xogarán a partido único a selección de Vigo e a selección nacional de Qatar. O encontro, fixado para o mércores 28 deste mes, disputarase no pavillón de Coia con entrada gratuíta (21:00 horas).<br />

venres, 23 xul 2010
1279892279futbolsala.JPG
O Coruxo e a Federación Galega de Fútbol Sala envorcáronse no evento, presentado hoxe no Concello. "Hai uns días tivemos a opción dun partido internacional de nivel en Vigo e non se podía desperdiciar", asegurou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, na presentación do torneo. A selección de Qatar, que estivo tres semanas concentrada en Doha, desprazouse á próxima localidade de Melgaço (Portugal) para a segunda parte da pretempada, porque o seu seleccionador é o portugués Francisco Batista. "Chamáronnos e explicámosllo ao concelleiro, que sempre está próximo e brindou a súa axuda", comentou Pachi Comesaña, vicepresidente do Coruxo.

Dende a FGFS, Javier Cossío, o seu responsable en Vigo e agora novo técnico do Construcciones Eiriña (o Coruxo F.S.), contactou co vigués Julio Mougán para que dirixa á selección de Vigo. "A nosa obriga é promocionar o fútbol sala", dixo, e considerou a Mougán "un dos máximos expoñentes do fútbol sala local". Mougán dirixe ao Lanzarote en División de Prata e aceptou a proposta: "Hai máis de catro anos da miña última experiencia en Vigo e éncheme de orgullo dirixir a selección porque ademais creo que hai moitísimo nivel como para ter un equipo na cidade un pouco máis arriba", considerou.

A base da preselección viguesa, que será definitiva este luns tras un adestramento, está formada por dous xogadores do Autos Lobelles santiagués (Pola e Juan Portas) e cinco do Coruxo (Cuca, Fiou, Mario, Cristian e Pablo Valle), ademais do ex céltico e internacional Javi Santos, e de Rober, Xan, Pitu, Alfonso Santos ou Pedro Riego.

Qatar chega a este partido cunha preselección de quince xogadores e preparando o Mundial de 2011. Despois irá a Portugal onde lle esperan dous amigables, un deles contra Portugal B, e en outubro xogará un torneo en Brasil con Brasil e España, entre outras seleccións de alto nivel.
Descargar todas as imaxes