Escoitar

Participación Cidadá asina un convenio para mellorar a xestión das asociacións

venres, 10 mai 2002
imx1397.jpg
Pedro Merino e Mariló Cabaleiro
A concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, e o vicerrector de Desenvolvemento e Transferencia de Ciencia e Tecnoloxía da Universidade de Vigo, Pedro Merino, asinaron un convenio que permitirá que os responsables das asociacións poidan aprender a manexar un aplicativo informático que mellorará a xestión dos colectivos.

Mediante este convenio, as asociacións disporán tamén de asistencia técnica telefónica, no que se refire ó uso da aplicación de xestión e o acceso a internet. A asistencia realizarase durante dúas horas, de luns a venres. Mariló Cabaleiro explicou que 48 asociacións xa solicitaron este servicio, que redundará no beneficio das persoas ó obter, deste xeito, unha mellor calidade nas actividades que desenvolven os colectivos.

Os responsables das asociacións disporán de asistencia técnica in situ, naqueles casos que pola complexidade da consulta non puidera ser resolta telefonicamente e de probas de conectividade remota, con monitorización da velocidade de acceso ó servidor do servicio de Atención Cidadá. Ademais, implementarase de novas funcionalidades a aplicación, en función das necesidades de xestión das asociacións.

No transcurso do ano 2001, e froito do convenio asinado entre a Concellería de Participación Cidadá e a Universidade de Vigo, desenvolveuse un aplicativo de “Xestión de Asociacións”. Este aplicativo, en fase de implantación nas asociacións de Vigo, baséase na utilización das tecnoloxías de última xeración, tendo a programación en “JAVA”, linguaxe que permite desenvolver aplicacións con interfaces gráficos de usuario completos, como os que se poden atopar en calquera aplicación ofimática.

Este aplicativo de xestión permite o acceso á aplicación en modo local como calquera outro programa, é dicir, pódese instalar nun ordenador e traballar, gardando os datos na asociación, pero do mesmo xeito o fará en remoto a través dun navegador de internet. A aplicación e os datos da asociación pódense atopar no ordenador–servidor instalado no Concello e as asociacións se conectarán a través de internet.

A Universidade de Vigo, realizará en nove meses as fases descritas, adscribindo o persoal necesario en cada momento tanto sexan programadores como analistas.

A Universidade, unha vez finalizado o obxecto deste convenio, entregará a documentación das análises e deseños así como copia en soporte informático de todos os programas resultantes da aplicación ó Concello de Vigo e quedarán na súa propiedade.

O Concello de Vigo, polo cumprimento do convenio, aboará á Universidade de Vigo a cantidade total de 12.000 euros.
Descargar todas as imaxes