Escoitar

Vigo presenta os seus eventos mundiais universitarios en Shenzhen (China), convidada pola FISU

Unha delegación da organización do Forum FISU e os Campionatos do Mundo universitarios de taekwondo viaxou hoxe a Shenzhen (China), convidada pola Federación Internacional de Deporte Universitario (FISU). O comité executivo da FISU visita estes días a instalacións da cidade chinesa que será sede da Universiada de verán en 2011, e convocou a Vigo, organizadora este ano de dous eventos universitarios, o Foro Mundial FISU e o Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo.

mércores, 12 mai 2010
A China desprazouse o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, como representante do comité organizador, xunto con dous membros do comité executivo: Laura Magdalena, directora xerente da Fundación Vigo en Deporte, e Miguel Ángel Nombela, director da área de deportes e Estudantes da Universidade de Vigo. Neste encontro, a expedición viguesa promocionará a cidade tamén ante o comité organizador dos Xogos Mundiais Universitarios de Shenzhen 2011.

O organismo reitor do deporte universitario mundial pediu a Vigo que presente un informe da situación organizativa do congreso do deporte universitario e da competición de taekwondo. Máis de 70 países dos cinco continentes estarán en Vigo entre o 21 de xuño e o 4 de xullo, ben polo foro, ben polo taekwondo.