Escoitar

A actuación de El Canto del Loco porá o peche de ouro ás Festas de Verán

As entradas para o concerto, que terá lugar o vindeiro día 23 de agosto no IFEVI, poden adquirirse en www.servicaixa.com e en El Corte Inglés

martes, 12 ago 2008
1218546665canto.JPG
Vigo porá o peche de ouro á programación destas Festas de Verán cunha das xiras máis existosas deste ano. El Canto del Loco actuará o vindeiro día 23 de agosto no Instituto Feiral de Vigo nun concerto que foi presentado esta mañá polo tenente de alcalde, Santi Domínguez, o concelleiro de Cultura, Xesus López, e o xerente do IFEVI, Arsenio Prieto.
O tenente de alcalde salientou a importancia deste concerto como colofón das festas da cidade e da propia Semana Grande, un evento que aumentará a cifra de asistencia de público ás diferentes actividades programadas para estes días e que polo de agora superan as 150.000 persoas.

Pola súa banda o concelleiro de Cultura, Xesus López, lembrou que os encargados de pechar estas Festas de Verán están considerados coma "un dos grupos máis importantes do pop rock nacional". El Canto del Loco se subirá ao escenario do IFEVI, de 42 metros, o vindeiro 23 de agosto a partires das 22.30 horas, nun concerto no que presentarán o seu novo traballo Personas. En canto ás curiosidades da xira, que se alongará ata o 2009, o responsable de cultura no Concello de Vigo salientou que o grupo solicita un camerino de chan de moqueta, mesas de catering con mantel, dous espellos de corpo enteiro, un sofá e dúas cadeiras con brazos moi cómodas. No relativo á comida, os membros de El Canto del Loco tomarán, entre outras lambetadas, dás tortillas de pataca caseiras e unha variedade de ibéricos.

Finalmente, o xerente do IFEVI, Arsenio Prieto, lembrou que este concerto ven a confirmar o obxectivo marcado polo recinto: ser quen de diversificar a actividade do IFEVI e poñer en valor un lugar onde tecnicamente se puideran celebrar eventos para máis de 11.000 persoas, "algo ata o de agora carente na cidade", dixo. Prieto salientou tamén a gran calidade dos eventos celebrados este ano no IFEVI, os que cualificou de "primeira magnitude internacional" e aceptación do público. Neste sentido afirmou que o ritmo de venda de entradas está sendo moi bo a case dúas semanas do concerto con máis de 1.500 vendidas. Os interesados en asistir a este concerto poden mercar as localidades, que terán un prezo único de 26 euros, na web www.servicaixa.com, no 902 332 211 e a través de El Corte Inglés (www.elcorteingles.es e 902 400 222)
Descargar todas as imaxes