Escoitar

Vigo mantén o baldeo selectivo das rúas con sucidade extrema

O alcalde afirmou este venres que o Concello afronta a limpeza de rúas como Inés Pérez de Ceta e Rosalía de Castro, durante a restrición de consumo de auga pola seca, ao constatar que contan cun elevado nivel de sucidade. “Facemos baldeos selectivos cando é necesario”, recalcou Caballero, ao lembrar que desde hai meses en Vigo non se realizan de forma masiva.

venres, 11 set 2026

Abel Caballero recordou que Vigo segue á espera da resposta da Xunta á petición do Concello de afrontar os baldeos con auga procedente da potabilizadora. “Pedímosllo á Xunta e leva anos sen contestarnos”, remarcou.

O Concello mantense “moi atento” ao problema da auga ante a negativa da administración galega a dar unha solución ao problema da seca máis aló de anunciar “que o arranxará no ano 2070”. O alcalde mantén a súa proposta de construír unha presa no río Oitavén para asegurar o abastecemento de auga en época de seca, ou en situacións de mínimos históricos de reservas hídricas, e especialmente á localidade de Baiona que nestes momento se abastece cos recursos da presa de Eiras. “Alfonso Rueda está a poñer en perigo a Vigo ao non facer as presa augas arriba, porque a seca ameázanos e vaise baleirar Eiras”, afirmou. 

O rexedor pregunta á Xunta como vai solucionar o problema da seca en Baiona, xa que ata o momento só Vigo colabora coa subministración de auga do encoro de Eiras.

 

 

 

Descargar todas as imaxes