Escoitar

O Goberno local financia a restauración integral do retablo barroco de Candeán

O alcalde participa este venres na presentación da restauración do retablo maior da igrexa de San Cristovo de Candeán, unha obra barroca do século XVIII, que foi financiada integramente polo Concello de Vigo con 34.485 euros. Os traballos prolongáronse durante case un ano e permitiron recuperar boa parte da policromía orixinal dunha obra barroca do século XVIII.

venres, 4 set 2026

O alcalde explicou que para acometer a intervención foi necesario desmontar completamente o retablo, trasladalo a un taller especializado e recolocalo posteriormente na igrexa. “Un dos cambios máis importantes foi a recuperación da policromía orixinal, que quedara practicamente oculta baixo sucesivos repintados”, sinalou.

A restauración actuou tamén sobre os problemas de conservación da estrutura de madeira, afectada pola humidade e polo ataque de insectos. A eliminación das capas incorporadas ao longo do tempo permitiu recuperar marmoleados en tons vermellos e azuis, decoracións prateadas e zonas douradas con pan de ouro. Segundo Caballero, o resultado permite que “o aspecto actual se aproxime moitísimo ao orixinal”, aínda que algunhas zonas non puideron recuperarse completamente debido ao seu grao de deterioración.

A intervención no retablo completa a transformación realizada polo Concello no exterior do templo. O pasado mes de febreiro inaugurouse o acondicionamento do adro da igrexa, no que o Concello investiu 301.084 euros. A actuación incluíu novo pavimento de pedra, vexetación e arborado, o soterramento das instalacións, nova iluminación, renovación das varandas e acondicionamento dos muros. A suma de ambas actuacións supera os 335.000 euros de investimento municipal. O Concello ten previsto ademais acondicionar un aparcadoiro no terreo anexo á casa reitoral, co obxectivo de dar resposta ás necesidades de estacionamento da contorna e completar a recuperación do ámbito.

Caballero enmarcou estes investimentos na política municipal de protección do patrimonio histórico e artístico da cidade. “Non podemos deixar que desapareza nin que se deteriore. É un patrimonio propiedade da Igrexa, pero é un patrimonio de todas e de todos”, afirmou, destacando a importancia de continuar restaurando igrexas, capelas, retablos e outras pezas históricas de Vigo.

Descargar todas as imaxes