Escoitar

A Casa das Artes exhibe “Fender, Recortar, Atopar” de Jesús Valmaseda

A mostra do escultor permanecerá aberta ao público desde este xoves ao domingo 1 de novembro logo de ser inaugurada esta mañá coa presenza do alcalde; Carmela Silva, primeira tenente de Alcaldía; Gorka Gómez, concelleiro de Cultura; e Ángel Cerviño, curador e autor do texto do catálogo.

xoves, 3 set 2026

“Fender, Recortar, Atopar” forma parte dos proxectos seleccionados polo Concello na convocatoria pública para conformar a programación museística municipal. Poderá visitarse na Casa das Artes ata o 1 de novembro.

A mostra do escultor Jesús Valmaseda, nacido en Toledo e afincado en Covelo, traslada ao público o resultado das accións aplicadas á materia, indutoras dos achados que agroman durante o proceso creativo. Os materiais e as diferentes técnicas van marcar os límites formais, mais non determinan, aínda que si acompañan, o sentido conceptual que é o fío condutor da exposición: unha visión crítica e pouco esperanzada sobre o devir das sociedades contemporáneas nos ámbitos político, económico, social e ambiental.

Descubrir o interior a través do acto violento de rachar a madeira para sacar á luz as texturas internas; amosar as caras positiva e negativa, antes ligadas nun só corpo; intervir con cores diferenciadas as partes interiores, de texturas orgánicas, e as externas —planas, lisas e con arestas rectas—; abrir as partes e pechalas de novo, recuperando a forma de prisma compacto... Eses son os xestos que deron lugar ás pezas da serie Fendas (2024).

A serie Corte e recorte (2025) aproveita como material para a escultura revistas e libros recollidos do lixo e no punto limpo de varias localidades. O feito de que fosen desbotados evidencia o menosprezo polos formatos non dixitais por boa parte da sociedade contemporánea. Esta serie recupéraos para suxerir xeomorfismos, franxas paisaxísticas ou composicións de abstracción xeométrica que ben poden suxerir grandes fachadas de edificios, andeis ateigados de libros...

As pezas da serie Porose (2013-2025), á que pertencen, entre outras, as obras 8 (2013), Pelouros (2025) ou Arquipélago (2025), adoptan diversidade de formas que comparten a característica de estaren multiperforadas, atravesadas por cilindros ocos (tubos de cartón refugados sobre os que se enrolaban materiais comerciais) que converten as obras en corpos sólidos esburacados. Acumulación dá nome a un andel de 12 metros ateigado de pequenas pezas con valor escultórico, como recortes de taller, obxectos atopados, útiles de traballo xa xubilados... O título quere aludir á excesiva produción de cousas, materiais e inmateriais, que está no ADN do capitalismo.

Arquitectura da desolación é unha serie iniciada en 1998 composta por habitáculos herméticos, hábitats claustrofóbicos que suxiren o encarceramento de todo proxecto vital de futuro; vidas a esgalla hipotecadas por un espellismo de prosperidade. Desta serie amósase a obra Enchente: casas semiafundidas no seu reflexo que parecen flotar á deriva, arras-
tradas pola corrente da especulación inmobiliaria ou por unha idea irracional de urbanismo, indiferente aos riscos de obstaculizar o discorrer natural das augas.

Orbitando traslada o punto de vista a unha perspectiva distante e totalizadora, facendo referencia ao estado de inercia da sociedade global. Como elemento simbólico desa idea xorde aquí a cidade: a cidade como organismo físico, xermolo dun ente hipertrófico que ten o seu pleno desenvolvemento nas grandes cidades de novo cuño.

Descargar todas as imaxes