A Avenida de Madrid recupera o sistema de semáforos tras as probas coa rotonda provisional
O alcalde informou de que os técnicos municipais optan definitivamente pola regulación semafórica dos cruces, mentres avanzan as obras para transformar a antiga autovía nunha avenida urbana de entrada a Vigo.
Abel Caballero anunciou que esta noite deixará de funcionar a rotonda provisional da Avenida de Madrid e recuperarase o sistema de regulación mediante semáforos. Os traballos para desmontar a glorieta comezarán arredor da unha da madrugada e a previsión é que ás catro estea establecido o novo sistema.
Caballero explicou que a rotonda provisional permitiu realizar durante un período prolongado unha proba para analizar as súas vantaxes e inconvenientes e comparala co funcionamento dos cruces mediante semáforos. Tras estudar os resultados e realizar as correspondentes proxeccións, “os técnicos consideran que volvamos ao sistema de semáforos”, polo que esta será a solución definitiva.
A decisión adóptase mentres continúan as obras de transformación da Avenida de Madrid, que, segundo Caballero, avanzan “a moito ritmo” e estarán rematadas “en tempo e forma”. O proxecto converterá a actual vía nunha avenida urbana cunha mediana verde. “Imos transformar aquela horrible autovía nunha gran avenida que dea a benvida á cidade”, afirmou Caballero, que destacou o cambio que experimentará unha das principais entradas a Vigo.
O rexedor avanzou ademais que o proxecto incorporará unha novidade de carácter artístico para dar a benvida e despedir ás persoas que entran e saen de Vigo, aínda que evitou revelar polo momento en que consistirá. “Haberá algo que gustará, unha expresión artística e unha forma de dicir ‘ola Vigo’ e ‘ata logo Vigo’”, anticipou.