Vigo acolle por primeira vez o Campionato de España de BMX Freestyle
O alcalde trasladou a satisfacción da cidade pola celebración do evento, que organiza o Club Cromoly, e que comezará o sábado 26 de setembro no Skatepark de Navia.
A cidade recibirá “o mellor do mellor” nas diferentes categorías de BMX Freestyle este mes de setembro no Campionato de España que se celebrará no Skatepark de Navia, tal e como explicou Abel Caballero este mércores, en rolda de prensa, xunto a Alejandro Durán Silva, vicepresidente do Club Cromoly; e Lino Míguez Crespo, xuíz da competición.
“Estamos encantados, é momento de que Vigo tome o relevo” na organización deste “evento singular de deporte urbano”, que anteriormente tivo a súa sede en Madrid e Barcelona. Vigo acollerá por primeira vez na historia o campionato de BMX Freestyle Park, unha disciplina na que os “riders” realizan saltos, xiros e outras accións extremas nun circuíto de skatepark deseñado de forma especial con ramplas e obstáculos. É a única modalidade de BMX que é olímpica desde Toquio 2020.
En Vigo organiza o campionato o Club BMX Cromoly a quen o alcalde felicitou “polo voso labor e por realizar un traballo continuo a prol destas disciplinas”.
O Campionato de España de BMX Freestyle comezará o sábado 26 de setembro no skatepark de Navia, un espazo inaugurado en 2019 con 2.000 metros cadrados de superficie no que o Concello proxecta un investimento de 2,7 millóns de euros para crear o maior skatepark cuberto de España.
Tal e como apuntou Caballero, no torneo concorrerán 50 participantes nas diferentes categorías: Elite Freestyle, Elite Feminina Freestyle, Junior Freestyle e Junior Feminina Freestyle. O vigués Saúl Vilar é o actual campión masculino.