Escoitar

O Goberno local propón Cabo Silleiro como emprazamento dunha gran depuradora

Construír unha estación depuradora de augas residuais de 100.000 m2 en Cabo Silleiro. Esta é a "solución de futuro" proposta polo estudo previo para o saneamento da ría encargado polo Goberno municipal e presentado hoxe martes pola alcaldesa, Corina Porro, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Figueroa.

martes, 5 set 2006
1157459609depura050906.jpg
O Estudo Previo para o Saneamento Integral da Marxe Esquerda da Ría de Vigo foi elaborado traballando cun horizonte de 30 anos pola empresa CIISA e coordinado por técnicos municipais seguindo as directrices da propia alcaldesa para "salvar a ría": minimizar o impacto sobre o medio ambiente e a repercusión cidadá das posibles actuacións, axustar os seus custos de execución e mantemento e dar resposta ás demandas da Unión Europea sobre a calidade das augas.

O resultado é unha proposta que o Goberno local comunicou hoxe martes aos grupos políticos municipais e remitiu este mesmo día á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Medio Ambiente para a súa discusión. A alcaldesa anunciou contactos con "todos os axentes sociais" de Vigo con esta mesma finalidade, así como cos alcaldes dos municipios da marxe esquerda da ría. Neste senso, Corina Porro asegurou que o alcalde de Baiona coñece a proposta de construír unha gran depuradora en Cabo Silleiro e "polo de agora non nos trasladou ningún problema".

Esta depuradora contaría cunha superficie de 10,2 hectáreas e unha capacidade de tratamento de 4,5 m3 por segundo, que vertería as augas tratadas a mar aberto. Segundo o estudo, este sistema evitaría que se vertesen cada ano á ría 8.500 toneladas de materia orgánica, 2.500 de sólidos en suspensión e 500 de nitróxeno e fósforo.

A EDAR de Cabo Silleiro sería o punto final dun túnel de 42 kilómetros de lonxitude e 10 m2 de sección que partiría de Redondela e ao que se incorporarían as redes de Soutomaior, Arcade, Redondela, Teis-Chapela, Vigo-Lagares, Nigrán, Gondomar e Baiona.

As depuradoras existentes na marxe esquerda da ría serían aproveitadas para situar nos seus actuais emprazamentos un total de sete tanques de tormenta de capacidade suficiente en todas as conexións ao novo interceptor, en función do caudal punta de deseño da súa conca vertente. Estes tanques de tormenta estarían en Soutomaior, Arcade, Redondela, Teis, Lagares, Nigrán e Gondomar. Ademais, a nova rede serviríase para o seu funcionamento de seis estacións de bombeo: Soutomaior, Arcade, Teis, Redondela, Lagares e Baiona.

O estudo prevé que, de realizarse a súa proposta, poderá desmantelarse a EDAR do Lagares e recuperar o 75% da súa superficie actual como espazo público. O edificio existente destinaríase a uso dotacional.

A proposta de solución definitiva para o saneamento da marxe esquerda da ría compleméntase coa cubrición, con encaixe dun paseo litoral e zonas verdes, da EDAR de Cabo Silleiro.

Segundo aclarou a alcaldesa, o estudo presentado hoxe martes ten carácter previo, e debe ser declarado de interese xeral polo Ministerio de Medio Ambiente, que sería o encargado de elaborar un estudo definitivo. Con todo, o horizonte contemplado polo Goberno local para a entrada en funcionamento da depuradora de Cabo Silleiro é de 8 anos. As obras de execución dos posibles proxectos, de acordo coas estimacións de CIISA, poderían prolongarse durante tres anos e medio ou catro.
Descargar todas as imaxes