Escoitar

A Escola Municipal de Danza iniciará as súas actividades de divulgación de folclore tradicional

martes, 18 set 2001
A Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo principiará proximamente un novo curso coas modalidades de música e movemento, danza tradicional galega e percusión tradicional. Este ano introdúcense novidades para mellorar a súa calidade e adaptarse ás características que indica a normativa educativa.

O curso de música e movemento distingue entre iniciación (de 4 a 6 anos de idade, cun máximo de 12 alumnos por grupo) e formación básica (6 a 8 anos, con 15 por grupo). Hai tamén danza para escolares (8 a 16 anos) con dúas sesións semanais dunha hora e un grupo de percusión tradicional para maiores de 16 anos. A oferta complementaria consta de actividades, nas que pode participar o alumnado, coas que se pretende fomentar a difusión da cultura vencellada á danza tradicional. Entre outras, está a asistencia a cursos monográficos, festivais ou museos.

A Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo foi creada en 1979 e, dende aquela, milleiros de vigueses aprenderon e familiarizáronse coas danzas tradicionais galegas. Moitos dos seus alumnos son transmisores do folclore a través doutros grupos espallados por Vigo ou outros concellos.

Os interesados poden conseguir máis información sobre horarios e matrícula no teléfono 986-810167.