Escoitar

Máis actividades para o tempo de lecer dos maiores

A concelleira Marta Iglesias presentou hoxe mércores os programas de actividades da Concellaría de Benestar Social para as persoas maiores, que inclúen os de alfabetización informática, memoria e deportes.

mércores, 11 out 2006
1160574786maiores2marta111006.jpg
Marta Iglesias afirmou que "o tempo de ocio dos nosos maiores é moi importante" e explicou que a gran demanda de actividades por parte deste sector da poboación fixo que a Concellaría ampliase a súa oferta para o curso que comeza, incluído no seu programa as seguintes:

Cursos de informática

Destinados á alfabetización informática e á adquisición de coñecementos informáticos básicos. Para persoas maiores de 60 anos empadroadas en Vigo.

Duración: 35 horas
Datas: do 23 de outubro ao 21 de decembro
Lugar de realización: Elduayen, 38, 1º
Horario: de 11:00 a 12:00 e de 12:00 a 13:00 horas
Grupos de 20 persoas
Non se necesitan coñecementos previos
Inscrición: ata o 18 de outubro na oficina de Benestar Social do Concello

Curso de adestramento da memoria

Realizouse xa o curso pasado cunha participación de 400 persoas e grande aceptación por parte da poboación destinataria. Ata decembro vanse desenvolver oito cursos de adestramento da memoria en distintos puntos da cidade. Todos eles terán continuidade ao longo do curso.

Con esta iniciativa procúrase estimular os procesos cognitivos como a atención e a concentración, a percepción, a linguaxe e a organización lóxica, aplicándoos á vida diaria con actividades típicas da vida cotiá.

Duración: 35 horas.
Data de realización: do 10 de outubro ao 31 de xaneiro.
Lugar: Casco Vello, Teis, Castrelos.
Lugar de inscrición: Concello de Vigo, Benestar Social.
Prazo de inscrición: ata o 18 de outubro.
Horario de clase: quenda de mañá e tarde en diferentes zonas da cidade.
Grupos de 20 persoas.

Deporte para maiores

Esta actividade vénse desenvolvendo desde hai máis de 15 anos e nela participan máis 650 persoas á vez, se ben entre baixas e altas ao longo destes anos teñen pasado polo programa máis de 800 persoas. O programa consta de dúas actividades.

Ximnasia de mantemento: dúas horas semanais en grupos clasificados por estado físico.
Natación: dúas horas semanais en grupos de 20 personas con monitor.

Para participar nestas actividades hai que facer unha solicitude no Departamento de Benestar Social. Os solicitantes admitidos pasan por un recoñecemento médico co que se valora canto exercicio poden facer. O prazo de solicitude está aberto todo o ano e as persoas vanse incorporando cando hai praza. O custo da actividade é de 20 euros por trimestre.
Descargar todas as imaxes