Escoitar

O edificio Atalaia estará acondicionado como centro de día para maiores nun máximo de catro meses

As obras de acondicionamento do edificio Atalaia, de cara á posta en marcha dun centro de día con 40 prazas para persoas maiores, iniciaranse nos próximos días, segundo informou a concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias.

martes, 17 xan 2006
A Xunta de Goberno Local adxudicou estas obras na súa sesión do pasado 26 de decembro, por un importe de 352.000 euros e cun prazo de execución de catro meses. O futuro centro de día é froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Asuntos Sociais e o Concello de Vigo asinado en outubro de 2004, polo cal a administración autonómica se comprometeu a financiar o acondicionamento do chalé Atalaia, de propiedade municipal e situado na avenida de Dona Fermina, en Teis.

O centro de día contará con 40 prazas para atender, en réxime de media pensión, persoas maiores carentes de autonomía física ou psíquica e que precisen atención xeriátrica e rehabilitadora, coidados persoais, asistencia médica preventiva, terapia ocupacional, atención psicosocial ou levar a cabo actividades físicas. Deste xeito preténdense conter as perdas funcionais destas persoas, facer que poidan continuar vivindo no seu medio habitual e apoiar os seus familiares.

Outro dos obxectivos do centro de día é responder á necesidade de achegar este servizo aos distintos barrios, procurando atender os usuarios da zona ou evitando na medida do posible que se vexan obrigados a realizar longos desprazamentos.

Ademais, o futuro centro nacerá coa vontade de paliar o déficit de instalacións públicas deste tipo que padece a cidade. Na actualidade, Vigo dispón de 25 prazas concertadas coa Cruz Vermella Española nas súas instalacións de Cánovas del Castillo, onde se empraza o hospital desta institución.

A xestión do centro será de responsabilidade municipal, en contrato de servizos ou conveniada con algunha institución.