Escoitar

A praza do Rei acollerá o certame "Xovevigo" dende o 26 de xullo ata o 1 de agosto

Un total de 14 grupos da cidade actuarán na praza do Rei ata comezos de agosto nun novo ciclo adicado a promover a música dos conxuntos locais. O certame, polo que xa pasaron preto de 80 grupos, contará cun presuposto de 35.000 euros. As actuacións terán lugar ás 23.00 horas e a entrada será libre.

venres, 23 xul 2004
1090584225xovevig.jpg
A necesidade de posibilitar un espacio ao rock, o pop ou o funky locais, converteuse nunha das principais preocupacións dende a organización das Festas do Cristo da Victoria.

Así, nace o XoveVigo, un certame polo que pasarán un total de 14 conxuntos da cidade, que farán da praza do Rei a súa particular catapulta á fama.

Para o concelleiro de Festas, Ignacio López-Chaves, o XoveVigo contémplase dende a perspectiva da necesaria promoción da cultura local, ás veces esquecida. Por ese motivo, o certame contará cun presuposto de 35.000 euros, destinados as tarefas de son, luz ou apero técnico.

Os vigueses "Dixie Town" e "Mr. Whiz", serán os encargados de abrir o ciclo o luns 26 de xullo ás 23.00 horas. Un ciclo que para eles é moi importante, xa que "non estamos acostumados a tocar en espacios abertos e para tanta xente".

Dixie Town
Os "Dixie Town" como conxunto, xurden o ano pasado en Vigo como escisión dun grupo de mediados dos 90 chamado "Selva Negra". O seu obxectivo é o de recuperar o rock sen artificios e a máis pura espontaneidade en directo. Un trío de potente "blues power" e "hard rock" con voz masculina.

Lucas "Trixie", Óscar "Pixie" e Pepe "Dixie" asómanse co desexo de recuperar a espontaneidade e a frescura do "hard rock blues" da década dos setenta, con tódala liberdade da improvisación dun trío de blues.

Mr. Whiz
"Mr. Whiz" non surxe de forma espontánea ou pola idea dunha soa persoa. Nace da necesidade de tres músicos vigueses de seguir facendo "rockabilly" trala disolución da súa anterior banda: "Teen Age Crash" en novembro de 2002.

Definen o seu son como "hillbilly-swing", nome co que agrupan a variedade de estilos que interpretan: "rockabilly", "swing", "wester swing"... E todo interpretado con raíces e sentimento "hillbilli".

O seu fresco e divertido directo traslada ao público aos primeiros 50, co que conectan de xeito natural á época dorada do rock americano. Klaus, Germán e Xosé, serán os encargados de achegar ata a praza do Rei esta posta en escea tan especial e propia.
Descargar todas as imaxes