Escoitar

O Concello dinamizará as zonas peonís e comerciais

A Concellería de Comercio e Turismo , que dirixe a concelleira Lucía Molares, porá en marcha un Plan de Dinamización Comercial con actuacións de mellora e revitalización das zonas comercias da Zona Centro e Casco Vello, polo que se solicitou axuda económica á Consellería de Industria.

martes, 24 feb 2004
Entre as accións propostas están o Proxecto Ilumina, de iluminación artística de edificios históricos en zonas comerciais e o Proxecto de mellora estética de rúas comerciais, así como a realización dun estudio de viabilidade para a remodelación da Praza do Progreso. Os proxectos contan coa adhesión das asociacións de comerciantes implicadas.

Os investimentos previstos para acometer os proxectos ascenden no ano 2004 de 197.217,74 euros; no ano 2005 de 80.000 euros e no ano 2006 de 80.000 euros. A contía máxima prevista no plan de axudas da Xunta de Galicia para cada investimento non pode exceder do 70 % da totalidade de cada proxecto, polo que a Concellería de Turismo e Comercio asinará un convenio de colaboración con cada unha das zonas comerciais, para completar o investimento.

O Proxecto Ilumina pretende a recuperación e realce de edificios históricos da cidade mediante a súa iluminación artística co obxecto de facer mais atractivos os elementos do patrimonio. Nesta primeira fase preténdese acometer a iluminación da Casa Galega da Cultura e a ponte de López de Neira.

Renovación estética de zonas comerciais onde se están a desenvolver neste momentos Centros Comerciais Urbanos, mediante a delimitación das zonas cunha estética unificada que permitirá ó consumidor identificar o espacio . Nesta primeira fase acometerase a colocación de maceteiros colgantes nas principais zonas comerciais do Casco Vello e Zona Centro.

O estudio de viabilidade e proxecto de remodelación da praza do Progreso refírese á praza que conforma a azotea do mercado do progreso e perséguese que este espacio poida servir como polo de atracción de público con actividades de ocio.