Escoitar

O Servizo Municipal de Axuda no Fogar atendeu a 988 persoas no mes de xuño

Abel Caballero saúda este mércores ás persoas usuarias do dispositivo de apoio domiciliario que participan na festa de verán organizada polo Concello no Hotel Pazo dos Escudos.

mércores, 8 xul 2026

O alcalde lembrou que o Servizo de Axuda no Fogar dá soporte ás persoas con autonomía limitada ou que se atopan en situación de risco social. Así, sinalou que o Concello de Vigo destina en 2026 un total de 15,5 millóns de euros ao SAF, dentro dun contrato plurianual que ascende a 47,5 millóns ata 2028, que conleva un aumento de 4,5 millóns con respecto ao anterior.

Das 988 persoas atendidas en xuño, o 58,9 por cento conta cun recoñecemento como un gran dependente, e o 35,8% ten un tipo de dependencia severa. As principais perceptoras desta axuda municipal son mulleres con idades entre 80 e 90 anos.

O alcalde recalcou que a pesar de estar xa en xullo a Xunta non fixo efectivo o pago do primeiro trimestre co prezo actualizado pola prestación do servizo, que establece para 2026 unha achega de 16 euros por hora, fronte aos 12 do ano pasado. Sinalou que o custo real de cada hora ascende a 23,64 euros e demanda á Xunta que asuma o cento por cento do custo do servizo de axuda no fogar, logo de que o Goberno de España aprobase a semana pasada unha achega de 270 millóns de euros ao Goberno galego, dentro do plan de choque á dependencia que fixa unha inxección de 7.239 millóns de euros para todas as comunidades autónomas.

Descargar todas as imaxes