Escoitar

A MS2 Cup reunirá en Vigo a máis de 4.500 participantes de 22 países

O alcalde participou este xoves na presentación da sétima edición, que se disputará na Cidade Deportiva A Madroa os días 29, 30 e 31 de maio e o 5, 6 e 7 de xuño. O Concello subvenciona o evento con 140.000 euros.

xoves, 28 mai 2026

A VII edición do Torneo Internacional de Fútbol Base MS2 Cup 2026 converterá novamente a cidade nun dos grandes puntos de encontro do fútbol formativo internacional. O alcalde participou na presentación do evento, no Salón Rexio da Sede do Celta, na rúa do Príncipe, coa presenza de Míchel Salgado, impulsor do torneo e Miguel Álvarez, conselleiro do Real Club Celta. 

A competición celebrarase na Cidade Deportiva A Madroa os días 29, 30 e 31 de maio e o 5, 6 e 7 de xuño, reunindo delegacións de máis de 22 países de Europa, Oriente Medio e Australia. Contará cunha participación superior ás 4.500 persoas entre deportistas e corpos técnicos, consolidándose como unha cita de referencia no calendario internacional do fútbol base. e desenvolverase nas modalidades de fútbol 8, nas categorías Sub-12, Sub-10 e Sub-8, e de fútbol 11, nas categorías Sub-14, Sub-16 e Sub-19.

O torneo está organizado polo exfutbolista do Celta, Real Madrid e da selección española Míchel Salgado, que desde 2020 é propietario do Fursan Hispania FC dos Emiratos Árabes. Na MS2 Cup participarán clubs de primeiro nivel internacional e de canteiras vencelladas a entidades campioas de competicións europeas. Nesta edición tomarán parte equipos como Celta, Real Madrid, Betis, Deportivo, Espanyol, Athletic Club, Porto, Braga e Benfica, aos que se suman conxuntos emerxentes como o Fursan Hispania FC dos Emiratos Árabes Unidos, o Al-Qadisiyah FC de Arabia Saudí ou o Gen Eira FC de Australia.

Durante a súa intervención, o alcalde destacou a importancia deste evento para a cidade e para os milleiros de nenos e nenas que practican fútbol en Vigo. “O meu interese é que practiquen o fútbol, practiquen o deporte, teñan un lecer saudable, entendan as virtudes do deporte e que lles vai continuar toda a súa vida”, sinalou. Caballero tamén puxo en valor o deporte como ferramenta de convivencia, igualdade e formación persoal, subliñando que o fútbol base permite compartir esforzo, equipo e ilusión con independencia da orixe ou da situación de cada participante. “O deporte vertebra cidades”, afirmou, salientando o papel da MS2 Cup como exemplo da capacidade de Vigo para acoller grandes eventos deportivos internacionais.

O alcalde rematou destacando o vínculo da cidade co fútbol, co Celta e co deporte base, incidindo en que o torneo xera orgullo colectivo e proxección exterior para Vigo. Neste sentido, agradeceu a Míchel Salgado o seu compromiso coa cidade e coa organización dun evento que sitúa a Vigo no mapa internacional do fútbol formativo.

Descargar todas as imaxes